Colectivos de Ourense mobilizaranse esta segunda feira contra o traslado dos paridoiros do CHUO

Mobilización, a pasada sexta feira ante o CHUO. (Foto: Nós Diario)

Continúan as mobilizacións após a “ausencia total de resposta ante as solicitudes formais de reunión entregadas por rexistro ante diversas entidades do Sergas”, segundo indican nun comunicado.

Varios colectivos e entidades anunciaron este sábado mobilizacións para o 28 de xullo ás 11.30 horas na porta do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para protestar polo traslado dos paridoiros.

Segundo indican nun comunicado, as instalacións que se empregarían “non teñen as condicións de seguridade, intimidade e dignidade que merecen as embarazadas en Ourense”.

A Marcha Mundial das Mulleres, SOS Sanidade Pública de Ourense, a Asociación Galega de Matronas, Petra Maternidades Feministas, Arrolos de teta e El parto es nuestro sinalan que comprobaron as carencias nos espazos e circuítos asistenciais dos paridoiros realizados na antiga CMA do edificio de cristal.

Estre as eivas apuntan a unha “ausencia total de sala de parto natural e bañeira de partos” así como a  “separacións e fechamentos con láminas de aluminio que non gardan intimidade ningunha”.

Ademais, indican que os dous baños existentes “son precarios e teñen que compartirse entre todas as mulleres en dilatación, parto e espertar” tamén é precaria “a solución para a climatización” polo que denuncian unha “falta de garantías e dereitos”.

Sen resposta do Sergas

Os colectivos continúan coas mobilizacións após a “ausencia total de resposta ante as solicitudes formais de reunión entregadas por rexistro ante diversas entidades do Sergas”.

Entre as súas exixencias á xerencia do CHUO e á Consellaría de Sanidade está “a paralización inmediata do traslado, planeado para o 29 de xullo, nas condicións actuais” e a “apertura dun diálogo real e transparente co persoal do servizo e coas usuarias”.

Ademais, urxen ter “a garantía de condicións estruturais, hixiénicas e humanas dignas para o parto e a atención neonatal” así como “a garantía de, como mínimo, unha sala de parto natural”.

Todas estas reclamacións coinciden en demandar “a protección da saúde emocional das mulleres e dos seus dereitos asistenciais”.