Colectivos ecoloxistas critican as presións da empresa que xestiona a mina de San Finx

Auga residual que parte da mina de Varilongo. Ecoloxistas en Acción
As tres asociacións cualifican a denuncia interposta por Rafaella Resources contra elas como "preitos estratéxicos contra a participación pública" (ou SLAPP nas súas siglas en inglés), acción xudiciais iniciadas polas empresas coa intención de intimidar e silenciar as críticassumindo aos adversarios en batallas xudiciais.

Verdegaia, Ecoloxistas en Acción e a Comunidade do Monte Veciñal de Grixoa de Esternande (Santa Comba) veñen de facer público un comunicado conxunto no que denuncian a "máis recente tentativa de intimidación" de Rafaella Resources, a mineira australiana que está detrás das minas de estaño e volframio de Varilongo e San Finx.

Segundo explican no escrito, as tres asociacións foron denunciadas pola empresa ante a Garda Civil por supostamente ter accedido a unha parcela que a mineira ocupou "de xeito ilegal" até o mes pasado. Os feitos que xa foron trasladados ao Xulgado de Instrución de Negreira.

Os ecoloxistas sinalan que a propia Rafaella Resources recoñece na denuncia que se trata dunha parcela municipal sobre a que non ten ningún dereito de disposición, a pesar do que mantiña ilegalmente bloqueado o acceso mediante un cadeado, incluso despois de que o Concello de Santa Comba instase a mineira en febreiro a abandonar un edificio que viña ocupando sen autorización.

A denuncia produciuse despois de que a Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande, titular da parcela conforme á legalidade, organizase unha intervención de plantación de carballos o pasado 19 de marzo xunto coas Brigadas Deseucaliptizadoras, unha iniciativa de voluntariado que promove Verdegaia desde 2018.

No escrito presentado ante a Gardia Civil, a empresa australiana denuncia que "ademais de plantar árbores, dedicáronse a cortar el talo das acacias existentes para deixalas secar". Neste sentido, as asociacións subliñan que tanto a acacia negra como a mimosa, dúas especias procedentes de Australia, están incluidas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, cuxa posesión está terminante prohibida pola Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade.

"Preitos estratéxicos" 

No seu comunicado, os ecoloxistas van máis alá e critican que o feito de que se incluíra a Ecoloxistas en Acción na denuncia, "cando esta entidade non garda relación nengunha coas Brigadas Deseucaliptizadoras, evidencia como o obxectivo da mineira non é outro que tentar intimidar e coartar os movementos ecoloxistas e veciñais que se opoñen ás ilegalidades da mineira".

Ecoloxistas en Acción foi responsábel na iniciación do expediente de expulsión da mineira do edificio que viña ocupando, e "é por iso que a meten no mesmo saco", engade o comunicado.

As tres asociacións cualifican a denuncia como "preitos estratéxicos contra a participación pública" (ou SLAPP nas súas siglas en inglés), acción xudiciais iniciadas polas empresas coa intención de intimidar e silenciar as críticassumindo aos adversarios en batallas xudiciais.

Esta práctica xa foi levada á práctica en 2017 pola agora filial da mineira australiana, Tungsten San Finx, cando denunciou sen éxito a Verdegaia, logo de que o colectivo realizara fotos nas instalacións da mina que levaron á imposición de sancións administrativas á empresa por obras ilegais.

Resposta contundente

As tres entidades denunciadas advirten de que responderán con contudencia, unha vez que, segundo afirman, a propia actuación da empresa pode ser constitutiva dun delito de denuncia falsa, tipificado no artigo 456 do Código Penal. "As accións deberán agardar a que por parte do Xulgado de Negreira se dite auto de sobresemento", manifestan.

Os colectivos implicados tamén anuncian que, fronte ás tentativas de intimidación da empresa, "non darán ningún paso atrás" nas distintas acción xudiciais e administrativas que manteñen fronte ás "ilegalidades" cometidas nas minas de Varilongo e San Finx, así como en defensa da integridade do monte veciñal por parte da Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande.