Colectivos ambientalistas piden á TVG que retire un programa por “agresións ambientais”

Instalacións da CRTVG

Instan ademais a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a tomar cartas a respecto do programa 'Expedición Galicia'. 

Adega, o Grupo de estudo dos animais salvaxes e o Grupo Naturalista Hábitat solicitan á CRTVG a retirada do porgrama 'Expedición Galicia' ao tempo que instan a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a tomar cartas. No programa, un grupo de persoas percorren Galiza e, entre outras actividades, realizan prácticas de supervivencia. Os ecoloxistas e ambientalistas denuncian que no capítulo poden verse “claramente” agresións ambientais sancionábeis “atendendo á lexislación vixente”.

Indican que os concursantes realizan prácticas como comer “crúa unha ra dos regos (Rana iberica) incluída no Catalogo Galego de Especies Ameazadas, ou esfarelan un formigueiro para coller material seco co que facer un lume”., así como prender lume nun lugar non habilitado para a súa realización con seguridade ou a acampada e vivaqueo fora de áreas habilitadas para tal feito.

“Se ben, como se comenta no Facebook do programa, algunhas das accións están ficcionadas, preguntámonos se é preciso divulgar e fomentar este tipo de prácticas entre a cidadanía galega. Recordamos que os escasos cinco minutos dedicados ao medio ambiente en Galicia que se facían no programa “Natureza”, hai anos xa que desapareceron”.