Primeiro día para adquirir o abono gratuíto de Renfe, entre o aplauso e o temor a quedar sen prazas

Unha multitude de persoas achegouse a primeira hora da mañá á estación de tren de Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Veciños e veciñas de Compostela trasladas as súas impresións sobre o bono que se pode solicitar desde esta cuarta feira nas estacións de tren. Hai certa preocupación pola posíbel saturación do servizo se non se reforzan as frecuencias nin se incrementan as prazas.

A estación de ferrocarril de Santiago de Compostela rexistrou colas na mañá desta cuarta feira de persoas usuarias que acudían a comprar os abonos gratuítos de Renfe no primeiro día da súa venda. Ante o interese suscitado, o sistema sufriu momentos de colapso que impediron adquirir os abonos a través das máquinas de venda da terminal e provocaron algún fallo durante as operacións que realizaban os propios empregados dos despachos de billetes.

Pola súa parte, os usuarios recorrentes debátense entre o aplauso a unha medida que xera importantes aforros e o temor a quedar sen praza nalgúns trens que circulan en horas punta, como son os utilizados por traballadores e estudantes.

Así o expuxo en declaracións a Europa Press, por exemplo, un veciño que reside en Compostela e traballa en Vigo. Coa estimación en mente de que vai deixar de gastar uns 1.000 euros de aquí a decembro, este home destaca que é unha decisión axeitada tanto polo aforro como polo fomento dun medio de transporte que non contamina.

Desprazouse até a estación o primeiro día de venda, a pesar de que non hai límite para conseguir os abonos, porque teme que os trens se esgoten para as frecuencias que circulan en horas punta. De feito, as prazas poden formalizarse unha vez adquirido o abono e "Renfe xa anunciou que, de momento, non vai reforzar os servizos", lamenta.

Na mesma cola, unha estudante de 18 anos que este curso empeza a universidade na Coruña acode xunto á súa nai para facerse co abono gratuíto, medida que lle parece "beneficiosa" e que "oxalá" se prolongue no tempo, máis aló de decembro, cuestión que o Goberno estatal non descarta.

Esta moza calcula que aforrará uns 700 euros e conta que compañeiros seus que quedaron sen praza en residencia universitaria tamén van optar por facerse co abono gratuíto e viaxarán todos os días para ir á facultade.

Outro dos interesados no abono nesta cuarta feira de comezo da campaña é un mozo que, segundo indica, forma parte dunha asociación de amas de casa e consumidores de Santiago e cuxo interese é informarse e adquirir un abono. Despois, trasladará a información ás socias —moitas das cales, segundo explica, non saben utilizar a web ou a aplicación móbil de Renfe— coa idea de facer excursións de lecer para o colectivo.

Guía para mercar os abonos

Para a compra do abono, será necesario depositar unha fianza, preferiblemente por medio de cartón bancario, para que o reembolso se devolva automaticamente a ese cartón, a condición de que o usuario realizase un mínimo de 16 viaxes.

En caso de non cumprir co número mínimo de viaxes estipulado, a fianza considerarase unha indemnización e non será devolta ao usuario. No caso de que a fianza sexa depositada en metálico, a devolución deberá solicitarse nos despachos de billetes, oficinas de atención ao cliente ou en calquera outro servizo posventa habilitado ao efecto por Renfe.