Cogami reclama o acceso á sanidade igualitario e non discriminatorio

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade lanza a campaña 12 chaves da inclusión e pide un cambio no sistema sanitario actual, "centrado nos enfermos agudos e non nas enfermidades crónicas".

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) dedica este mes de abril a súa campaña 12 Chaves da inclusión ao acceso á sanidade en igualdade para as persoas con algún tipo de discapacidade, unha situación que ─explican─ se volveu "de maior risco" actualmente pola crise da COVID-19.

En relación a esta cuestión, a entidade lembrou a alta porcentaxe de persoas na Galiza que padece unha enfermidade crónica, moitas causantes de discapacidades orgánicas, como lupus, esclerose, fibromialxia e síndrome de fatiga crónica, hemofilia e outras coagulopatías, fibrose quística, enfermidades do ril, crohn, colite ulcerosa, linfedema, espondilite ou enfermidades reumatolóxicas, entre outras.

Laura Quintas, a coordinadora da Comisión Sociosanitaria de Cogami, incidiu na necesidade dun cambio no sistema sanitario actual, porque "está centrado nos enfermos agudos e non nos enfermos con enfermidades crónicas". A situación, explicou, é aínda máis visíbel durante a pandemia.

Por iso, desde a Cogami reclámase igualdade no acceso aos servizos, "incluída a UCI". "Exiximos que non se exclúa a ningunha persoa con discapacidade deste dereito universal. Cando os recursos médicos sexan limitados, que se garanta a non discriminación no acceso á saúde".

Confinamento

O colectivo, nestes días de confinamento, "necesita que os tratamentos das persoas con enfermidade crónica e mobilidade reducida sexan entregados nos domicilios ou depositados nas farmacias máis próximas aos seus domicilios, para evitar desprazamentos innecesarios cos consecuentes riscos que estes implican".

Tamén reclaman que o persoal que traballa a diario nas residencias onde viven persoas en situación de dependencia, nas vivendas tuteladas ou que traballa como asistente persoal ou axuda no fogar "conte cos equipos de protección individual adecuados para poder garantir a eficacia do seu traballo e estar libres de contaxios".