Nenos e nenas con discapacidade, "excluídas" de campamentos de verán por non ser accesíbeis

Moitas persoas non poden acceder a instalacións ou participar en actividades conxuntas pola súa discapacidade ou polas súas necesidades, advirten desde Cogami. (Foto: Drazen)
Cogami denuncia que esta ferramenta de conciliación durante o verán non está dispoñíbel para as familias de menores con discapacidade.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) lembrou esta segunda feira que os campamentos de verán deben ser inclusivos, "sen excluír ninguén por razón de discapacidade".

Nun comunicado, a entidade asegurou ter recibido queixas de familias ás que se lles impide a conciliación durante o verán debido a que os campamentos non son accesíbeis, polo que convidou a denunciar este tipo de situacións.

"Non todos os menores teñen este dereito garantido", lamentan desde Cogami

"Os campamentos de verán son unha das opcións que máis elixen as familias para que os nenos e nenas e adolescentes poidan convivir durante uns días cos seus iguais, compartindo momentos de lecer. Lamentabelmente, non todos estes menores teñen este dereito garantido porque non poden acceder a instalacións ou participar en actividades conxuntas pola súa discapacidade ou polas súas necesidades", lamentou Cogami.

Neste senso, a entidade lembrou aos organismos públicos e privados que os campamentos que se poñen en marcha deben ser inclusivos para todas as persoas, polo que terán que estar deseñados e dotados dos recursos necesarios para acoller menores con discapacidade.

"Cando as familias de menores con discapacidade vexan vulnerados os seus dereitos lexítimos para participar en igualdade de condicións, tanto en campamentos como noutras actividades extraescolares promovidas por institucións públicas, desde Cogami instámolas a que reclamen ou denuncien estas situacións ante os organismos pertinentes", engadiron.

A confederación subliñou que no verán se multiplican as queixas de familias que ven menosprezados os dereitos dos seus fillos e fillas ao seren excluídas de campamentos urbanos municipais, programas de conciliación, ludotecas e outras actividades.

Acceso a festivais

Aliás, Cogami precisou que moitas persoas con discapacidade denunciaron a organización de determinados festivais, que non tiveron en conta a súa situación, "ocasionando restricións de acceso e impedindo que se garanta a participación en igualdade de oportunidades neste tipo de eventos".