O código postal importa: vivir nun barrio empobrecido demora o acceso a unha cita médica

Unha parella de anciáns acode a vacinarse nun centro de saúde de Ourense. (Foto: Europa Press)
En Vigo a poboación coas rendas máis baixas espera case seis días máis que a veciñanza con máis ingresos.

Un estudo elaborado pola Cadena Ser e difundido esta cuarta feira certifica que Galiza é a comunidade do Estado onde máis diferenza de tempo existe para conseguir unha cita en Atención Primaria en función da renda do barrio de residencia. Neste sentido, o informe conclúe que as persoas residentes en zonas de renda alta agardan de media para acceder a unha consulta no seu centro de saúde 2,4 días menos que aquelas cuxo domicilio está emprazado nunha zona de renda da baixa.

O relatorio desvela que Vigo é a segunda cidade do Estado cunha poboación de máis de 75.000 habitantes onte a fenda é máis elevada. Así, a poboación dos barrios con rendas máis elevadas accede a unha consulta en Atención Primaria 5,7 días antes que aquela que reside nas áreas economicamente máis desfavorecidas. Mentres as persoas residentes nos barrios de máis renda agardan de media 2 días, aquelas que viven nas zonas mais empobrecidas esperan de media 8 días.

As razóns destas diferenzas hai que buscalas en que as persoas con menos renda son máis dependentes da sanidade pública e aquelas con maiores ingresos contan con medios económicos para recorrer a sanidade privada, o que favorece unha atención sanitaria máis rápida.