Co ritmo actual de hospitalizacións e contaxios, en 20 días as UCI estarían ao borde do colapso

Persoal sanitario atende na UCI un paciente de Covid-19 (Europa Press).

Continúa a escalada de ingresos nos hospitais a consecuencia da Covid-19. Xa hai 16 casos máis que na quinta feira, dos cales 10 ingresaron en unidades convencionais e dez en críticos. Co ritmo actual de hospitalizacións, en vinte días as UCI estarían ao borde do colapso.

Son 593 as persoas coa Covid-19 hospitalizadas na Galiza, despois de se incrementaren en 16 máis. Delas, 85 permanecen en UCI -seis máis que na quinta feira- e 508 en plantas convencionais -10 máis-.

Os pacientes hospitalizados soben en todas as áreas excepto na de Compostela e O Barbanza, onde descenden a 68 -cinco menos que na quinta feira- e dos que 13 se atopan en UCI -un máis-; e na de Pontevedra e O Salnés, que se mantén sen cambios con 78, dos que 4 están en UCI.

Na de Ourense aumentan a 107 as persoas ingresadas coa Covid-19, delas 16 en UCI -un máis- e na da Coruña e Cee increméntanse a 145, 21 en UCI -2 máis- e 124 noutras unidades -sen cambios-.

Na área de Vigo as persoas con Covid ingresadas soben á 89 -5 máis-, delas 17 en UCI -1 máis- e 72 noutras unidades -4 máis-.

Na área de Lugo aumentan a 53 os pacientes con Covid ingresados, deles cinco en UCI -sen cambios- e 48 noutras unidades -5 máis-.

E na área de Ferrol as persoas con Covid ingresadas soben a 53, delas nove en UCI -1 máis- e 44 noutras unidades de hospitalización.

Que acontece se segue o ritmo actual?

Co ritmo actual de hospitalizacións, en 20 días as UCI estarían ao borde do colapso. Nesta segunda vaga da pandemia e atendendo aos datos do conxunto da Galiza, o 0,8% dos casos están requirindo de coidados intensivos.

Se se toma como referencia 700 casos novos diarios, en 20 días habería 14.000. Tendo en conta a porcentaxe do 0,8%, acabarían en UCI 120 persoas. Unha cantidade que comprometería a prestación do servizo en tanto que as hospitalizacións da UCI por Covid-19 non adoitan baixar dos 15 días de duración debido á complexidade dos casos.

Folga en Compostela

Na quinta feira, o persoal da UCI de persoal adultas do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) anunciou que iniciará unha folga indefinida nas segunda feiras, de 8 horas das segundas a 8 horas das terzas, debido á falta de medidas preventivas e organizativas que comprometen a seguridade das e dos pacientes.

O anuncio chega após numerosas mobilizacións das traballadoras e traballadores e perante á falta de resposta por parte da Xerencia da área, encabezada por Eloína Núñez, curmá do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

A máxima responsábel da área sanitaria espertara a indignación do persoal sanitario cando insinuara publicamente que as e os traballadores se contaxiaban nas salas do café.