CNI desaconsella partillar datos sensíbeis pola aplicación Zoom de videoconferencias

Panel da aplicación Zoom
O programa Zoom, que permite realizar videoconferencias, considérase non seguro e desaconséllase o seu uso para partillar información sensíbel ou comprometida, xa que se atopa “actualmente no obxectivo dos hackers”, sinala o CNI.

Desde que se decretaron as medidas de isolamento social, en moitos fogares da Galiza comezouse a empregar ou incrementouse o uso da aplicación de videoconferencias Zoom, tanto para manter reunións telemáticas de traballo, sesións formativas ou para manter encontros con familia e amizades.

Porén, segundo indicou o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), desaconséllase utilizar Zoom para partillar información de carácter sensíbel ou comprometida, xa que esta aplicación está “actualmente no obxectivo dos ciberatacantes" debido á súa "recente popularidade".

Con todo, remarca o CNI, a aplicación si é útil para outro tipo de cuestións como impartir aulas ou cuestións da vida cotiá.

Así se considera nun documento publicado polo Centro Criptolóxico Nacional, órgano adscrito ao CNI. Nel se sinala que se "considera asumíbel o risco de usar Zoom para reunións que non sexan moi sensíbeis no seu contido, clases escolares e situacións fóra da oficina sobre asuntos rutineiros".

Durante o estado de alarma até partidos políticos como o PP, Vox e Ciudadanos empregaron Zoom para realizar reunións virtuais e mesmo para realizar as roldas de prensa telemáticas.

Algúns dos consellos que se indican para mellorar a seguridade é programar as videochamadas co número exacto de participantes, blindando así a posibilidade de que terceiras persoas se incorporen á conversa, e que cada usuaria e usuario acceda cun contrasinal.

As aplicacións utilizadas para tal fin deben ser descargadas, segundo o CNI, sempre de tendas dixitais oficiais ou da web do provedor e deben permanecer actualizadas á última versión. A pesar de todas estas recomendacións, o CNI recoñece que as videochamadas son "unha canle de comunicación insegura" e, por tanto, debe evitarse partillar nelas datos sensíbeis como contrasinais.