Clamor galego na rúa contra a agresión imperialista de Israel ao pobo palestiniano

Concentración solidaria con Palestina en Vigo
Na tarde-noite desta segunda feira tiveron lugar concentracións nunha ducia de cidades e vilas do país. Unha das máis numerosas en Vigo que atinxiu máis de medio millar de manifestantes

 

Doce concentracións sucedéronse ao longo da tarde-noite desta segunda feira. As mobilizacións impulsadas polo BNG e colectivos como a Asociación Galiza por Palestina, serviron para expresaren a solidariedade galega co pobo palestiniano así como, sobre todo, o amplo rexeitamento social que provoca a ofensiva militar de Israel que xa se cobrou a vida de perto dun centenar de persoas, a maior parte civís entre os que se inclúen varias crianzas, e provocou arredor dun millar de ferid@s.

Como sucedera durante a operación “Chumbo fundido” entre os anos 2008 e 2009, centenares de persoas volvéronse botar as rúas de Galiza para exixiren a fin da agresión imperialista do Estado de Israel contra o pobo palestiniano.

Máis de medio milleiro de persoas en Vigo

Unha das concentracións máis numerosa das realizadas ao longo da xeografía galega foi a que tivo lugar en Vigo. Máis de medio millar de persoas, malia a precipitación da convocatoria, déronse cita no acto que decorreu diante do MARCO. O BNG participou cunha nutrida comitiva con faixa propia en que estaban presentes representantes municipais e a deputada Carme Adán. O recentemente elixido secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, fixo parte do acto desde o que expresou o “clamor da mocidade galega a favor da paz e contra as agresións imperialistas de Israel”. Mera, denunciou asemade a responsabilidade de Estados Unidos, a Unión Europea e o Estado español, por actuar como “cómplices necesarios desta barabarie que mesmo quita a vida a crianzas inocentes”.

Tamén estivo presente a CIG, quen a través do seu secretario comarcal, Serafín Otero, e vari@s integrantes da executiva comarcal, quixo trasladar máis unha vez o rexeitamento frontal da central sindical nacionalista a esta nova agresión militar contra a Faixa de Gaza. Comités, Movemento Galego ao Socialismo, ISCA, Liga Estudantil Galega, Izquierda Unida ou Nós-Unidade Popular foron outras das organizacións que participaron do acto.

Consignas como “Palestina vencerá”, “sionismo é terrorismo”, “Estado de Israel, asasino” ou “Fronte o imperialismo, internacionalismo” resoaron nas centos de voces presentes. A responsábel comarcal do BNG, Manuela Rodríguez Pumar, e un responsábel da Asociación Galiza por Palestina, deron lectura a senllos manifestos en que se exixía a fin inmediata da agresión militar israelí e reclamaban ao Estado español que poña fin ás relacións diplomáticas e comerciais co Estado “sionista”.

Finalmente, a concentración botou a andar nunha manifestación improvisada que atravesou a rúa do Príncipe para concluír na Porta do Sol da cidade olívica.

'Galiza Palestina, solidariedade' desde a capital do país

Pola volta de 150 persoas tomaron parte na concentración realizada na praza do Toral de Compostela, nun acto que contou con representantes de diferentes organizacións, colectivos e entidades da capital galega, entre eles o grupo municipal do BNG e Galiza Nova para alén de integrantes da CIG, CUT, Nos-Up, AGE ou Candidatura do Povo. Palabras de orde como "Galiza-Palestina, solidariedade", "Palestina vencerá" ou "Israel asasino" resoaron no histórico enclave da zona vella da voz dos e das presentes

No acto, que sucede ao realizado en Compostela a pasada sexta feira, denunciouse a nova agresión israelí contra o pobo palestiniano, incidindo na pasividade cando non aberta complicidade de EEUU e a Unión Europea.

@s concentrad@s expresaron a súa solidariedade para co pobo de Gaza e palestino en xeral, aliás de apoiar o dereito de Palestina á autodeterminación. Tamén anunciaron novas mobilizacións nos vindeiros días.

A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vilagarcía, O Barco, Cee, Cangas e Marín, foron os lugares nos que se desenvolveron as restantes concentracións.