A CIUG asume o seu "erro" no exame de Historia de España na PAU
O fallo "non prexudicará o alumnado", aseguran desde a Comisión Interuniversitaria da Galiza.
A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG) comunicou esta cuarta feira que corrixirá "con criterios flexíbeis" unha das preguntas incluídas no exame de Historia de España que se realizou esta terza feira, na primeira xornada das Probas de Acceso á Universidade (PAU). Así responde á CIUG ás múltiples protestas de profesorado e alumnado referidas á pregunta do bloque II de Historia de España en que se pedía unha comparación entre socialismo e anarquismo na segunda metade do s. XIX.
Estes conceptos, segundo a guía da propia CIUG para preparar as PAU, correspondería co bloque III e non co II. A CIUG apunta que a pregunta versaba sobre "conceptos básicos en relación a ideoloxías e movementos políticos principiados no s. XIX para poder entender o contexto político do momento". Os contidos, recoñece, só aparecen especificamente reflectidos nas instrucións da guía nun único tema do bloque III, relacionado con aspectos socioeconómicos, "o que xerou malestar e confusión entre profesorado e alumnado".
A comparativa, engaden, "tiña un propósito exclusivamente ideolóxico, aspecto central neste tipo de preguntas, polo que se consideraba adecuada para que o alumnado soubese resolvela sen dificultade", alegan. En todo caso, para "garantir a equidade do proceso avaliador", a pregunta "será corrixida aplicando criterios flexíbeis, valorando o coñecemento do alumnado sobre ambos os movementos, independentemente de que a resposta adopte un formato comparativo escrito".
Engaden, "ningún estudante será prexudicado pola formulación da pregunta". Nun correo dunha membro da CIUG ao que tivo acceso Nós Diario, esta sinala que "o meu erro, que é así, estivo en pensar que eses contidos tiñan cabida noutros temas ou noutros espazos do temario aínda que non se insistise directamente neles nas recomendacións do grupo, porque, ás veces, a compartimentación dos temas pode non ser tan ríxida. Tamén denunciaron erros na formulación do exame de Debuxo Técnico desta terza feira unha mala resolución dos mesmos da CIUG durante o propio exame.
Nova polémica esta cuarta feira
Docentes e alumnado sinalan que esta cuarta feira tamén houbo fallos, neste caso en Historia da Arte, que tamén contiña erros de formulación que afectaban aos contidos nos bloques de preguntas.