Tres cisternas fornecerán a veciñanza de Betanzos con auga potábel após o brote de gastroenterite

Tanto a empresa Viaqua como a Xunta da Galiza tomaron mostras da auga para determinar a orixe do brote. (Foto: Nós Diario).

Tamén se repartirán garrafas de auga potábel a persoas maiores de 75 anos ou con mobilidade reducida.

O Concello de Betanzos (comarca das Mariñas) e a empresa Viaqua porán a disposición de veciños e veciñas auga potábel en varios puntos do municipio tras rexistrarse un brote de gastroenterite, cuxa orixe aínda se está a investigar.

Serán tres cisternas que se situarán na avenida do Carregal, na explanada de Bellavista, á beira do centro de formación, e na praza García Irmáns.

Os dous primeiros lugares están pensados, segundo indica o Concello, para facilitar o aparcamento das persoas que se despracen nos seus vehículos desde diferentes puntos do concello. O terceiro está dirixido ás persoas que poden desprazarse andando.

A primeira cisterna de auga dará servizo esta cuarta feira, cara a última hora da tarde no Carregal, é dicir, arredor das 20.30 horas. Esta quinta feira, 1 de xuño, incorporarase unha segunda cisterna á avenida do Carregal para, a partir das 16 horas, ficar situada na praza García Naveira, xa que ao longo da mañá haberá feira.

Na sexta feira incorporaríase a terceira cisterna, que estará situada na explanada de Bellavista, nas inmediacións do centro de formación municipal. As cisternas permanecerán durante varios días para facilitar subministración aos veciños e veciñas mentres que non varía a situación.

Á espera de poder determinar a orixe do brote, e tendo en conta a limitación do consumo de auga, iníciase tamén a repartición de garrafas a persoas de máis de 75 anos que viven soas, persoas con problemas de mobilidade ou familias vulnerábeis que figuren como usuarias dos programas de servizos sociais, segundo explica o consistorio.

As últimas analíticas realizadas pola empresa concesionaria indican que os parámetros da auga da rede de abastecemento están baixo o limiar da normativa. Agora estase á espera de coñecer tamén os resultados das analíticas realizadas pola Xunta da Galiza, que tamén tomou mostras en varios puntos do municipio.