Cinco persoas feridas nun accidente con dous vehículos implicados na N-550, en Mos

Central de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: 112)

O sinistro requiriu a intervención do 061 e dos Bombeiros do Baixo Miño.

Cinco persoas resultaron feridas na mañá deste sábado ao chocar frontalmente dous vehículos no quilómetro 153 da N-550, ao seu paso polo municipio de Mos (comarca de Vigo).

Segundo informou o CIAE 112 Galiza, un alertador informou arredor das 7.30 horas do sinistro e explicou que un dos implicados estaba atrapado no interior dun dos vehículos.

Ante iso, os xestores do 112 Galiza solicitaron a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES de Mos e da Garda Civil de Tráfico.

Un dos condutores, único ocupante do seu vehículo, tivo que ser excarcerado pola dotación de bombeiros desprazada até a zona, e posteriormente trasladado.

No outro coche viaxaban catro persoas que tamén necesitaron ser trasladadas até o hospital de referencia.