A CIG urxe protocolos no transporte sanitario ante as últimas agresións

Ernesto López, técnico de prevención da CIG, esta segunda feira na Coruña. (Foto: Nós Diario)
A central sindical nacionalista indica agresións "psicolóxicas".

Representantes da CIG demandaron protocolos no transporte sanitario ante as agresións. "A xente non sabe como teñen que actuar", aseverou Ernesto López, técnico de prevención da central nacionalista na Coruña, xunto a delegados sindicais no sector de ambulancias, esta segunda feira nunha comparecencia na zona de Urxencias do Hospital Universitario da cidade herculina. Por este motivo exixen que se lles entregue o protocolo de actuación nestes casos pactado na comisión sectorial. 

López, sobre as medidas no Chuac, asegurou que existe un protocolo de 2012, "que coñecemos agora e do que só se aproveita a capa” pois “son documentos obsoletos", recalcou. En relación ás agresións da semana pasada, o sindicalista pediu unha investigación e argumentou que o transporte sanitario que trouxo ao paciente "non sabía o que traía", en relación á súa situación, e que desde a empresa de seguridade e os traballadores do Sergas "non se sabía como actuar". 

Pola súa parte, o delegado da CIG na concesionaria do servizo ambulancias na Coruña, Diego Cobos, afirmou que "o protocolo non está implantado" e que queda "en mans" do persoal as decisións. Ademais, recalcou que non son só agresións físicas, senón tamén psicolóxicas, que, apostilou, son a maioría. "Cóspenche, tíranche do pelo", citou como exemplos. 

Mobilizacións médicas

Esta segunda feira, ademais, decorreron varias mobilizacións ante os centros sanitarios convocadas polos sindicatos de facultativos galegos (Simega e O'MEGA), xunto con AME (Asociación MIR España) e MUD (Médicos Unidos polos seus Dereitos), e co apoio do Consello Galego de Colexios Médicos e o Consello Galego dos Colexios de Odontólogos en protesta polo borrador do Estatuto Marco elaborado polo Ministerio de Sanidade. 

As mobilizacións piden unha regulación específica, enfocada a que o sistema sanitario "manteña o seu elevado nivel de calidade asistencial e un alto grao de satisfacción da cidadanía".