CIG-Saúde convoca unha folga ante a "grave situación" da Atención Primaria no Baixo Miño.

As localidades do Baixo Miño volven esixir melloras na atención primaria (Foto: CIG).
O paro desenvoverase entre o 21 e o 24 de decembro nos centros de saúde e nos PAC dos concellos da Guarda, Oia e O Rosal para reclamar "máis persoal e contratos estábeis e dignos”.

A Federación de Saúde da CIG de Vigo vén de anunciar a convocatoria dunha folga do 21 ao 24 de decembro ante a “grave situación” na que se atopa a atención primaria do Baixo Miño. Con este paro, que se desenvolverá nos centros de saúde e nos PAC dos concellos da Guarda, Oia e O Rosal, a central quere “reclamar máis persoal e contratos estábeis e dignos”.

Segundo explican dende a CIG-Saúde, a esta folga están chamadas todos e todas as traballadoras de cada unha das categorías laborais que prestan servizos nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada do Sergas nestas localidades, incluído o persoal residente. E desenvolverase desde as 8 horas do 21 de decembro até as 8 horas do día 24 do mesmo mes.

Con esta medida de presión a central sindical quere pór de manifesto diante da Administración sanitaria e da opinión pública “a preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da atención primaria, que se manifesta con especial gravidade nos tres concellos que forman o ámbito dunha convocatoria coa que pretendemos que se abra un marco de negociación coa Xunta para conseguir unha atención primaria digna”.

Na CIG-Saúde consideran “irrenunciábeis” unha serie de cuestións, como a necesidade de aumentar o persoal mediante a convocatoria inmediata de todas as prazas necesarias en todas as categorías, “non só estabilizando as actuais con contratos precarios, senón tamén incorporando novas prazas en función da análise de necesidades co obxectivo de diminuír as ratios actuais de doentes por profesional”.

Outra demanda pasa por que se fagan contratos “estábeis e dignos” que permitan dar cobertura a 100% das ausencias.

Con esta medida pretenden “garantir unha prestación asistencial de calidade e rematar coa situación de penosidade e precariedade actual”.

Tamén solicitan a dotación dun segundo equipo de medicina de familia e enfermería no PAC da Guarda para asegurar unha prestación asistencial” segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais, tendo en conta as características xeográficas e socio demográficas da poboación atendida”.

Finalmente, reclaman o estabelecemento de incentivos que permitan atraer e estabilizar profesionais na atención primaria do ámbito rural, “que teñen demostrado a dificultade de cobertura”.