DENUNCIAN QUE INCUMPRE A LEI

CIG e Mesa diríxense a Política Social por Jungle World discriminar o galego

Anxo Louzao e Marcos Maceira

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística entregaron esta sexta feira na Xunta un escrito dirixido ao conselleiro de Política Social co fin de que garanta os dereitos lingüísticos en Jungle World.

A CIG e a Mesa presentaron esta mañá no rexistro da Xunta de Galiza un escrito dirixido ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, no que lle piden que adopte de maneira inmediata as “medidas necesarias para garantir os dereitos lingüísticos e a oferta positiva da lingua galega” no centro infantil Jungle World. No escrito presentado, Anxo Louzao e Marcos Maceira indican que o conselleiro debe adoptar estas medidas “sen prexuízo da apertura de expediente sancionador á empresa titular do centro”.

No documento achegado ao conselleiro, a CIG e mais a Mesa indican que a actitude da empresa Jungle World, ao prohibir o uso do galego, representa “unha odiosa discriminación por razón de lingua”, amais dun “intolerábel incumprimento dos deberes legais dunha entidade integrada no sistema galego de servizos sociais”. Tamén sinalan que a Xunta de Galiza, quen autorizou o inicio de actividades do centro a 18 de novembro de 2011, “non pode permanecer impasíbel”.

A lei ampara Belén Tajes no caso galegófobo de Jungle World

Anxo Louzao e Marcos Maceiras tiran da normativa para demostrar a vulneración dos dereitos lingüísticos no caso sufrido pola profesora de música Belén Tajes. Así, fan alusión á Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galiza, que se refire á práctica positiva do idioma galego e ao respecto polos dereitos lingüísticos.

Tamén aluden ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que indica que o galego debe ser a lingua inicial de atención á cidadanía no ámbito dos servizos públicos, e ao Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo cal se regulan os centros de menores e os centros da atención á infancia. Esta norma apunta que as crianzas deberán acadar o desenvolvemento das capacidades nas dúas linguas oficiais do país.

Maceira:  "Cómpre erradicar o virus da xenreira que amosa este centro"

En declaracións aos medios após entregar o escrito por rexistro, Anxo Louzao esixiu a actuación de Política Social na medida en que Jungle World "é un centro que depende da Consellaría, aínda que sexa privado e actúa de maneira ilegal". "Este centro ten que aterse á Lei de Servizos Sociais", engadiu.

Marcos Maceira salientou que "detrás da prohibición" de empregar o galego en Jungle World se atopa "o odio á lingua, que é o noso principal elemento de identidade". O presidente da Mesa cargou contra "os valores do odio polo propio" que transmite o centro e emprazou a Xunta a actuar de maneira inmediata para non se repetiren casos coma este. Maceiras rematou a súa intervención sinalando que cómpre "erradicar o virus da xenreira que amosa este centro".