CIG-Ensino chama a protestar nos recreos esta cuarta feira contra as "imposicións unilaterais" da Consellaría

Concentración da CIG-Ensino decorrida en Compostela o pasado ano. (Foto: Nós Diario)
O sindicato afirma que "sobran razóns" para que o persoal docente estea "farto".

O sindicato CIG-Ensino vén de facer un chamamento á comunidade educativa de toda a Galiza a protestar durante os recreos da vindeira cuarta feira, 8 de xuño, "contra unha Consellaría [de Educación] que, lonxe de atender as nosas demandas para mellorar o ensino público e as nosas condicións de traballo, lexisla na nosa contra e despreza o noso papel".

Con esta acción a central sindical busca "facer ver" o "rexeitamento" do profesorado "a unhas imposicións", afirma, feitas "contra" o seu criterio, sen "tomar en conta" a súa "profesionalidade" e "afondando aínda máis na sobrecarga de traballo e burocracia".

"Son moitas as actuacións destas últimas semanas que agravan a situación na que rematamos este curso e avanzan un comezo de curso no que non só se negan a negociar melloras senón que van xusto na dirección contraria", sinalan, nun comunicado emitido esta segunda feira.

Desde a CIG-Ensino consideran que "sobran razóns" para que o persoal docente estea "farto", polo que insta a "reaccionar" contra a "falta de respecto" perpetrada, subliñan, pola Consellaría.

Entre outras cuestións, chaman a protestar "contra o incremento do calendario escolar por riba dos 175 días que a Lei estatal impón" e contra a "desconsideración das mestras e mestres de Infantil, restrinxindo o período de adaptación, até anulalo na práctica, sen ter en conta a decisión profesional".

Tamén contra o "incremento da burocracia", "as imposicións das instrucións do próximo curso escolar" e a "negativa" de Educación "a negociar uns horarios lectivos xustos" e que "permitan recuperar dereitos".

Aliás, urxen unha "mellora" das súas condicións laborais, a través da redución das ratios e "mellorando a atención á diversidade", así como "incrementando os cadros docentes" e, sobre todo, "respectar a quen están a pé de aula", unha cuestión que motiva a CIG a pedir o "cesamento dos cargos políticos que impoñen unha carga burocrática inasumíbel e desprezan o profesorado".