CIG-Ensino esíxelle á Xunta que manteña os apoios educativos até o 30 de xuño

Imaxe de arquivo dunha aula baleira. (Foto: Nós Diario)
O sindicato afirma que "non pode ser que no momento en que estes reforzos educativos son máis necesarios" a Consellaría decida "recortar o reforzo educativo" do que dotou os centros educativos.

A sección de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de facer público un comunicado no que exixe á Xunta que manteña os apoios educativos até o 30 de xuño, ante a pretensión da Consellaría de Educación de suspendelos o día 15 do vindeiro mes.

"A CIG-Ensino recibiu nos últimos días comunicacións dos centros educativos, sobre todo de educación secundaria, e do persoal afectado, denunciando que o persoal do programa PROA (Plan de Reforzo, Orientación e Apoio) vai ser cesado o 15 de xuño", explica a central no escrito.

O sindicato sinala que "non pode ser que no momento en que estes reforzos educativos son máis necesarios" a Consellaría decida "recortar o reforzo educativo" do que dotou os centros educativos.

Neste sentido, lembra que na educación secundaria o tempo entre o 6 e o 22 de xuño, segundo a orde de calendario, dedicarase á "preparación e realización das probas extraordinarias, e a actividades de apoio, reforzo, ampliación e titorización".

O ensino, un "gasto"

CIG-Ensino denuncia que “estamos ante a enésima mostra de que para o goberno do Partido Popular o ensino é só un gasto no que se pode e se debe aforrar”.

Tamén afirma que se trata dunha "incongruencia máis da Consellaría de Roman Rodríguez” que, no momento en que son máis necesarios os reforzos, elimínaos.