CIG Ensino denuncia que Educación non cobre vacantes por aforrar
21 de febreiro de 2017 (13:05 h.)
CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non cobre vacantes do profesorado. “Vimos de comprobar que esta terza feira, día 21 de febreiro, hai 35 prazas sen cubrir e seguirán aumentando coa complicidade da Consellaría que non chamará até despois do Entroido guiada polo falso motivo de aforro económico”.
O sindicato informa que “seguirá denunciando o abandono da Consellaría de Educación con respecto ao ensino público”. Considera que fica claro que a Xunta se guía por “criterios economicistas e deixa sen atender un número importante de alumnos e alumnas, o que repercute na organización interna dos centros”. Exixe a inmediata cobertura de todas as baixas e na vindeira mesa sectorial do día 2 de marzo solicitará unha explicación.