A CIG denuncia as condicións asistencias dos usuarios das residencias privadas de maiores
A CIG reclama á conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, solucións asistencias para os usuarios das residencias de maiores da comarca de Ferrol.
As delegadas sindicais da CIG nas residencias privadas de maiores da comarca de Ferrol criticaron a situación asistencial dos usuarios e do persoal empregado nos centros da terceira idade.
As traballadoras trasladaron as súas queixas a responsábel de Política Social do Goberno galego, Fabiola Martínez, así como as direccións das residencias de DomusVi Ferrol, DomusVi Laraxe, DomusVi Narón e da residencia de maiores Mi Casa de Mensaxeiros pola Paz de Ferrol.
As representantes da CIG acusan a dirección destes centros de maiores de ter ao seu de persoal “escravizado por salarios indignos que non permiten chegar a fin de mes”. Na mesma liña, critican a Xunta por entregar “as residencias a empresas amigas e a fondos voitres”
“Catro xerocultoras” para atender “47 persoas usuarias”
As delegadas do sindicato nacionalista denuncian que nalgúns destes centros “para atender a 47 persoas usuarias grandes dependentes hai catro xerocultoras ou cinco no mellor dos casos, que se teñen que encargar de asear, vestir, levantar e dar o almorzo en apenas dúas horas”.
As traballadores apuntan “que o departamento de limpeza non dá feito tendo en conta que nunha residencia con 135 persoas usuarias contan con catro traballadoras no servizo de limpeza na quenda de mañá e dúas na de tarde”.
“Tamén poderíamos falar”, explican as delegadas sindicais da CIG, “de como desenvolven o seu traballo outros departamentos como cociña, recepción ou lavandería, en condicións igual de lamentábeis”.
As representantes sindicais denuncian “que nin tan sequera pode enfermar porque é penalizado salarialmente o que fai que teñamos que ir traballar enfermas, co risco que isto supón para a nosa saúde e para a das persoas usuarias”.
“Pártesenos a alma”
A CIG acusa as direccións das residencias privadas porque “pouco ou nada lles importan as persoas maiores, que non son máis que números que engordan ás súas contas. Pero a nós, que estamos no seu día a día, pártesenos a alma ao ver como se están a deteriorar os coidados que lles prestamos”.