A CIG demanda a denegación de todos os trámites administrativos relacionados con Altri
Desde a central sindical sinalaron que o arquivo do proxecto da celulosa amosa “a utilidade da organización da resposta social para determinar e incidir nas políticas e medidas que adoptan os gobernos”.
A CIG amosou esta sexta feira a súa satisfacción polo arquivo da autorización ambiental integrada á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, ao considerar que “supón fechar o camiño a este proxecto industrial”. Unha decisión que, sen dúbida, a Xunta de Galiza “adopta forzada polo contundente e unánime rexeitamento social que xerou este proxecto e que derivou nas mobilizacións máis multitudinarias que se realizaron no noso país nos últimos anos”, sinalaron desde a central sindical.
A CIG reclamou que este arquivo vaia acompañado da denegación de todos os trámites administrativos relacionados coa pasteira de Altri na Ulloa para así “enterrar de maneira definitiva ese macroproxecto industrial” e evitar que no futuro se pretenda reactivar un plan similar. Con todo, desde CIG salientaron que malia “as escusas técnicas tras ás que o Goberno de Rueda se quere agochar, estamos ante unha vitoria do conxunto do pobo galego que constitúe un rotundo fracaso na política industrial depredadora que o PP quere impor a Galiza”.
Desde que se fixeron públicos os detalles do proxecto Gamma, a CIG posicionouse na súa contra por tratarse dunha industria de “enclave e depredación que pon en perigo sectores económicos e produtivos que xeran riqueza para o país e por constituír o maior perigo ambiental para Galiza que, ademais, suporía a morte da Ría de Arousa”.
Fronte este modelo industrial “promovido polo Goberno do PP na Xunta, que busca deixar os nosos recursos estratéxicos en mans de fondos de investimento e do capital”, a CIG avanzou que defende un aproveitamento radicalmente distinto para que os recursos revertan no propio país, “que non poña en risco aqueles sectores que proporcionan alimentos básicos a poboación, que fomente un desenvolvemento industrial con base en criterios de estabilidade, sustentabilidade, de peche dos ciclos produtivos e que derive en beneficio do país todo o seu valor engadido”.
O arquivo da autorización ambiental non paraliza os recursos contencioso-administrativos presentados contra a Xunta, un deles formalizado pola CIG tras a disolución de Impulsa Galiza -sociedade pública promotora do proxecto- nun intento de “eliminar probas do atentado e das ilegalidades que o Goberno galego cometeu con todo o que rodea esta industria”.
Desde a central sindical lembraron que ante a “firme e contundente resposta do pobo galego”, a Xunta de Galiza recorreu a “todo tipo de estrataxemas para, contra a vontade popular, sacar adiante o proxecto de Altri modificando a normativa de protección ambiental, ignorando os prazos legais máximos de resolución de solicitudes administrativas, presionando o persoal funcionario encargado de realizar os informes e trámites e mesmo pretendendo avanzar na privatización das funcións propias da administración”.
Neste contexto, a CIG sinalou as decisións adoptadas polo Goberno español que afectan a este proxecto -tales como a non inclusión na Planificación Eléctrica 2025-2030 da liña eléctrica e a subestación necesarias para a súa posta en marcha-, “como o resultado da mobilización social sostida no tempo e a rotunda oposición amosada polo pobo galego a esta industria depredadora”. A central sindical considerou que “estamos pois, ante un exemplo da enorme capacidade de mobilización que ten o pobo galego e da utilidade da organización da resposta social para determinar e incidir nas políticas e medidas que adoptan os gobernos”.