Sanidade: a CIG convoca mobilizacións en todos os centros de saúde o vindeiro 24 de febreiro

Foto de arquivo - Persoal sanitario do CSSardoma de Vigo o pasado 18 de novembro. (Foto: Nós DIario)

Desde a central sindical demandan “solucións ás problemáticas que padece o servizo de Atención Primaria”.

A CIG vén de convocar mobilizacións nos centros de saúde d e todo o país a vindeira terza feira 24 de febreiro ás 11:00 horas para demandar “solucións ás problemáticas que padece o servizo de Atención Primaria”. Dende a central sindical instan á Consellaría a aplicar medidas urxentes no canto de crear novos grupos de traballo sobre planificación e retribucións.

A CIG-Saúda lamenta que o departamento galego precise máis tempo para decidir que facer coa Atención Primaria -“máis tempo para seguir sen facer nada”- e denuncia que con anterioridade xa se fixeron grupos de traballo “cuxas conclusións están metidas nos caixóns”

Neste senso, lembra que a central sindical presentou un escrito o pasado 19 de xaneiro no que solicitaba que a Mesa Sectorial abordase con carácter urxente distintas cuestións sobre a atención continuada nos PAC e sobre a atención ordinaria nos centros de saúde.

A respecto dos PAC, as propostas do sindicato pasan por “solucionar o problema do cómputo de xornada do persoal, analizar os plans funcionais para que non se superen as 30 atencións urxentes por profesional e quenda e definir novos plans funcionais que contemplen o incremento do persoal necesario de todas as categorías profesionais”.

No que ten que ver cos centros de saúde, a CIG aposta por estabelecer axendas de traballo diario en medicina de familia dun máximo de 30 pacientes e de 20 no caso de pediatría, así como elaborar un plan de xestión urxente da sobrecarga das axendas de traballo. Aliás, reclama fixar un número máximo de consultas en función da carteira de servizos e das actividades a realizar en todas as categorías do centro.

Desde a CIG tamén solicitaron planificar medidas “urxentes e avaliábeis” para eliminar a burocracia “innecesaria”; estabelecer un cronograma para desenvolver as carteiras de servizo de todas as categorías profesionais que están na Atención Primaria, facendo unha análise dos cupos actuais e das cargas de traballo, incorporando o persoal necesario; sumar novas categorías profesionais que permitan dar “mellor servizo á cidadanía”; e definir os criterios para as ratios de profesionais das áreas administrativas e incrementar as prazas “necesarias” en función das cargas de traballo e da demanda dos centros de saúde.