CIG acusa a Xunta de “falta de transparencia” nos datos de contaxios da Civid no ensino

O alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I, en Compostela, accedendo ás aulas (Foto: Arxina).

Exixe ao conselleiro Román Rodríguez que “deixe os triunfalismos e poña todas as medidas para garantir a seguridade nas aulas na terceira onda da pandemia”.

CIG, sindicato maioritario no ensino público, considera que no retorno ás aulas após o parón de Nadal a Consellaría “volve acusar falta de planificación e non ten ningunha medida adicional prevista para cumprir cos requisitos de ventilación nos  centros educativos en plena afectación da borrasca Filomena e con temperaturas que roldan os 0 graos e neve e xeo en boa parte do país”.

O sindicato sinala nun comunicado que se “fai eco” do malestar e preocupación que hain a comunidade educativa. “Familias e profesorado amosan a súa preocupación por como xestionar esta situación e compatibilizar a seguridade cunha situación de mínimo confort térmico dentro das aulas”.

Segundo a CIG-Ensino, as direccións non recibiron aínda ningunha circular sobre o uso da anunciada aplicación da USC para dar pautas aos centros neste sentido e “que de momento non está activa, tal e como prometera o conselleiro”.

Denuncia a central que non se fixera balance no primeiro trimestre “da verdadeira afectación que tivo a Covid no ensino galego, ao contrario do que si fixeron noutras comunidades” e lembrou que Galiza “é das poucas que non publica os datos desagregados por alumnado e profesorado”.

Falta por saber tamén, afirma, cantos foron en realidade os casos totais  acumulados e a afectación diferenciada por etapas educativas, por tipoloxía de ensinanzas e por titularidade do ensino entre público, privado e concertado.

“A falta de transparencia que caracterizou a actuación do departamento que dirixe Román Rodríguez desde o comezo do pasado curso escolar é a que impide comprarlle o discurso triunfalista de que os centros educativos son lugares seguros”, indica a central.

“Cabe pensar que no caso dos centros pechados e na maior parte dos casos das aulas pechadas, que seguimos sen coñecer o dato exacto, si houbo transmisión comunitaria do virus polo que o principal argumento de Román Rodríguez xa queda totalmente en evidencia. Tampouco hai datos facilitados por Sanidade cando menos do número de profesorado e alumnado que necesitara hospitalización  por mor da COVID no primeiro trimestre do ano”.