A Ciaim conclúe que o 'Vila de Pitanxo' navegaba "sobrecargado" e que o capitán deu a orde de evacuación "moi tarde"
A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) conclúe que o pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo', que naufragou en febreiro de 2022 en Terranova (Canadá), navegaba "sobrecargado" e que o capitán deu a orde de evacuación "moi tarde".
Así se desprende do informe sobre esta traxedia elaborado polo organismo, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel. O documento indica que no buque se cargaron uns pesos que excedían os valores recollidos no seu libro de estabilidade para as artes de pesca e o combustíbel, unha parte do cal era cargada en tanques que non figuraban no proxecto do buque e que foron engadidos, "sen que diso conste autorización".
A Ciaim sinala que o navío "afundiu como consecuencia da inundación progresiva e incontrolada dos seus espazos interiores durante a virada da arte nun forte temporal". Isto fixo que perdese a flotabilidade e estabilidade. A esta situación contribuíu a sobrecarga do buque, que cargou con "uns pesos que excedían os valores recollidos no seu libro de estabilidade". Por isto, o depósito de desperdicios, por onde se cre que comezou a entrar a auga, estaba por baixo da liña de flotación.
As indicacións para saír do barco chegaron tarde
Ademais, apunta, do mesmo modo que nas súas conclusións provisionais, ao capitán do barco, Juan Padín, indicando que ordenou o abandono "moi tarde" porque "non foi consciente antes da gravidade da situación". "A pesar de que esta se ía complicando progresivamente, (había problemas no parque de pesca, a escora ía aumentando, o buque íase asolagando), o capitán non ordenou medidas para preparar o abandono do buque por se fose necesario porque non valorou correctamente a situación de risco á que se enfrontaba", indica a Ciaim.
Debido á tardanza en dar a orde de evacuación, non houbo tempo de realizar un procedemento ordenado de abandono "segundo o cadro orgánico e o plan de salvamento do buque". Os mariñeiros non tiveron tempo de chegar aos puntos onde se atopaban os traxes de inmersión ou as balsas cos chalecos salvavidas. Deste modo, ningún dos integrantes da tripulación que foron ao camarote a polos traxes de inmersión puideron alcanzar a balsa salvavidas, salvo un.
Previsión precisas
Por outra parte, as previsións meteorolóxicas do buque eran o suficientemente precisas, polo que o mal tempo non puido sorprender a tripulación. Con todo, non se tomaron medidas preventivas como "asegurar o feche de todas as aberturas do casco e as portas estancas, ou comprobar o bo funcionamento dos medios de achique".
A excesiva escora do barco, con auga entrando, evitou a desconexión das bombas de lubricación do motor, ocasionando a parada deste pola baixa presión de aceite ou por agriparse. Así, cando o motor principal se detivo, "a inundación do buque estaba moi avanzada e o afundimento era inevitábel".
Outras razóns da traxedia
O informe tamén destaca outras razóns que contribuíron á traxedia. Neste sentido, a Ciaim afirma que a distribución das vías de evacuación dificultou o abandono do barco, a localización dos traxes de inmersión os camarotes dificultaron a súa recollida e que a falta de familiarización da tripulación cos procedementos de salvamento contribuíu ao que aconteceu.