Sanidade pública

Primeira cesárea con acompañante no CHUS: "Foi algo inesquecíbel"

Alba e Fabio, unha parella de Santa Comba tras o nacemento da súa filla, Aylen, no primeiro parto por cesárea no Hospital Clínico de Santiago no que a nai puido estar acompañada. (Foto: CHUS)

Aylen naceu ás 10.37 horas desta cuarta feira e o seu pai, Fabio, puido acompañar a nai, Alba, ambos os dous naturais de Santa Comba, durante o parto.

O Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela realizou esta cuarta feira o primeiro parto por cesárea programada no que a nai puido estar acompañada. Nesta ocasión foi Fabio, o pai da pequena Aylen, que naceu ás 10.37 horas da mañá. Alba e Fabio son unha parella de Santa Comba (Xallas) que se mostran "felices e emocionados" de poder estar os dous coa filla, "desde o primeiro momento e durante a recuperación do parto".

Ambos os dous, segundo informa o Hospital Clínico nun comunicado, agradecen o labor "de todo o equipo que asistiu ao nacemento", tanto facultativos do servizo de Obstetricia como matronas, anestesista e neonatólogo.

Após o parto, a nai dixo sentirse "moi contenta de poder estar acompañada", mentres que o pai destacou que "foi algo inesquecíbel" e "bonito". "Vivimos momentos emotivos no quirófano de partos, pois non só nos emocionamos nós, senón tamén os profesionais", engadiu.

Patricia Peñas e Mariña Sánchez Andrade, obstetras que realizaron a cesárea, manifestaron, tras recalcar que os protagonistas son Alba, Aylen e Fabio, que é un día gratificante e satisfactorio: "É o broche a un traballo de moita xente, dun equipo multidisciplinar".

Neste contexto, ambas as sanitarias destacan desta medida que ten "beneficios para o apego e a lactación", e que "permite á paciente estar máis tranquila e máis contenta". Nesta primeira experiencia, a presenza do acompañante "non interferiu", xa que "o pai estivo na cabeceira da cama, ao carón da nai da súa filla".

A posibilidade de ter acompañante durante a cesárea débese á aprobación este mes, por parte da Xerencia da área Sanitaria de Santiago-Barbanza, dun protocolo que permite á nai estar con quen ela decida durante o proceso e non separarse do neonato en ningún momento, como xa se facía no parto vaxinal.

Para a xerente da área, Eloína Núñez, é un motivo de "satisfacción" poder ofrecer esa opción ás mulleres para que poidan "contar co apoio dos seus seres queridos durante este momento tan especial". Así, subliñou o seu compromiso con "ofrecer unha atención de calidade e humanizada" ás pacientes, "e esta iniciativa é un paso máis".