O Chuac garante conectar un doente en coma tras unha denuncia da familia

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario)
A familia do paciente asegura que a intención era desconectalo das máquinas e medios asistidos que o manteñen na súa actual situación “sen acreditar os requisitos e criterios da súa morte cerebral”.  

Familiares dun paciente 49 anos en coma denunciaron que facultativos do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) lles comunicaron a súa intención de desconectalo das máquinas e medios asistidos que o manteñen na súa actual situación “sen acreditar os requisitos e criterios da súa morte cerebral” e sen ter en conta “a expresa oposición da familia”. 

O paciente, M.V., ingresou en estado de coma o pasado 2 de decembro por urxencias cun diagnóstico de derrame cerebral e permanece na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Carolina Silva, a súa parella, relata a Nós Diario que o seu compañeiro estaba en tratamento de diálise e cando chegou ao hospital “custáballe respirar”. Malia todo, pasados uns días, mostrou “maior capacidade de interacción, comezou a mover os ollos e a man”.

Segundo Silva, comentáronlle a posibilidade de "trasladalo a planta realizándolle unha traqueotomía para facilitarlle a respiración”.Ao día seguinte, a decisión era que “o desconectarían das máquinas da UCI por decisión médica”.

Con anterioridade, a parella de M.V. expuxera no hospital o desexo do paciente de mantelo con vida, sempre que existisen signos vitais. Silva asegura que a resposta médica nese momento foi que nin ela nin a súa familia “tiñan capacidade de decisión”. Foi daquela cando procedeu a presentar a denuncia no Xulgado

Seguirá conectado na UCI

Esta quinta feira mesmo ao mediodía a dirección médica do hospital, segundo afirma Silva, comunicou que o paciente continuaría na UCI conectado ás máquinas.  Os servizos xurídicos da familia aconsellan, malia todo, que se continúe adiante coa demanda. 

Na denuncia, á que tivo acceso Nós Diario, solicitan que se “incoen as oportunas dilixencias” coa intención de que “se proceda de forma inmediata a comunicar ao Chuac a denuncia e a paralización das medidas médicas”.

Nós Diario púxose en contacto esta quinta feira mesmo coa xerencia do Chuac, que declinou realizar declaracións argumentando que “é un tema que está en mans da xustiza, polo que agardaremos que esta resolva”.

Esta cuarta feira, a CIG-Saúde denunciaba a situación de “colapso” das urxencias deste centro hospitalario coruñés. “A primeira hora da mañá había 60 pacientes estancados, tres deles críticos que xa terían que estar ingresados se houbese camas no hospital”, sinalaba a secretaria comarcal da CIG-Saúde A Coruña. Para a central nacionalista “a atención prestada nos corredores é deplorábel, e non era mellor no resto do centro".