Xinzo activa o plan de emerxencias por inundacións por primeira vez desde a súa aprobación
Xinzo de Limia activou por primeira vez desde a súa aprobación en 2023 o plan municipal de emerxencias por inundacións, como consecuencia das intensas choivas dos últimos días e do desbordamento de varios cauces, unha situación que, polo momento, non provocou danos persoais.
Segundo explicou o alcalde, Amador Díaz, o plan activouse esta terza feira ás 12.00 horas no seu nivel mínimo debido ás inundacións detectadas en diversas estradas municipais, vías de acceso a núcleos de poboación e centros educativos.
O rexedor destacou que se trata da primeira vez que se pon en marcha este dispositivo, cuxo obxectivo é “coordinar todos os servizos para evitar calquera tipo de problema”, entre eles a Policía Local, Protección Civil e a Brigada Municipal de Bombeiros.
Neste contexto, dous centros educativos do municipio —o Instituto de Educación Secundaria Cidade de Antioquía e o IES Lagoa de Antela— víronse afectados polas choivas, que provocaron a entrada de auga nalgunhas aulas da planta baixa, patios e aparcadoiros. Esta situación obrigou a reubicar o alumnado nas aulas superiores, aínda que, polo momento, non foi necesario suspender as clases.
En canto á mobilidade, permanecen cortadas varias vías, como o enlace da OU-301 a Gudes, a pista do río Limia á altura do matadoiro ou o túnel da A-52 en Boado. “Hai numerosas pistas asfaltadas e accesos, mesmo a núcleos de poboación, que non se poden utilizar porque están anegados”, indicou Díaz.
Aínda que non se rexistraron inundacións en vivendas, si se produciron importantes afeccións en terreos agrícolas. “Só se puido sementar arredor do 30% do cereal de inverno e, a día de hoxe, creo que se vai perder practicamente todo”, lamentou. “O plan seguirá activado mentres persista esta situación. Veremos como evoluciona ao longo da tarde, xa que se prevén novas precipitacións. Agardamos que a chuvia dea unha tregua e que os niveis da auga comecen a baixar”, concluíu o rexedor.