As choivas frean o avance dos incendios

Labores de extinción da Brigada de Marroxo durante esta terza feira. (Foto: @BMarroxo / Twitter)
Só no último mes arderon máis de 42.000 hectáreas no conxunto do país.

O regreso das choivas, que nesta terza feira caeron de forma xeneralizada no conxunto do país, supuxeron un freo para o avance dos incendios que nos últimos días queimaron milleiros de hectáreas do monte galego.

Así, o último parte trasladado pola Xunta da Galiza dá conta dunha situación na que só un fogo segue sen controlar, mais está estabilizado: o de Pantón, con 25 hectáreas queimadas.

En Ribas de Sil arderon 40 hectáreas e o incendio está controlado, como en Laza, onde o total de superficie arrasada ascende ás 2.100 hectáreas, tras unirse con outro incendio iniciado en Chandrexa de Queixa.

Quedaron extinguidas, entre tanto, as chamas en Oímbra e en Riós, onde a extensión que ardeu foi de 88,83 hectáreas e 94,1 hectáreas, respectivamente.

Máis de 42.000 hectáreas calcinadas

Con estes datos, e sumando os incendios que axexaron Verín, Valdeorras ou O Courel, a Galiza acumula máis de 42.000 hectáreas calcinadas nos últimos trinta días.

Así, desde o pasado 14 de xullo, cando unha serie de tormentas eléctricas e as altas temperaturas provocaron medio centenar de lumes, non deixaron de reproducirse focos por todo o país. Precisamente nesa primeira fase da vaga de incendios tiveron lugar os dous maiores na historia da Galiza desde que hai rexistros: no Courel, con 11.100 hectáreas, e en Valdeorras, con 10.500 hectáreas.