Alerta por temporal costeiro: a semana comeza coa chegada dunha nova fronte

Temporal na costa do Salnés o pasado mes de novembro (Foto: Elena Fernández / Europa Press). (Foto de ARCHIVO) 04/11/2023

A Xunta mantén activo o Plan Inungal ante risco de asolagamentos con máis dunha ducia de ríos e sete rías en seguimento. Haberá posibilidade de nevadas por riba dos 900 metros de altitude.

A chegada dunha nova fronte á Galiza intensificará o vento do suroeste, con intervalos de forza oito no mar, e activa para esta segunda feira a alerta por temporal costeiro.

Segundo Meteogaliza, as Rías Baixas estarán en alerta amarela por vento no mar, de forza sete e podendo alcanzar forza oito e, desde o mediodía desta segunda feira até as 12 horas da terza, por ondas de catro a cinco metros.

Pola súa parte, a Costa da Morte estará primeiro en aviso amarelo no mar por vento e alcanzará a alerta laranxa de 6 a 9 horas ao agardarse refachos de forza oito.

Así mesmo, desde as 12 desta segunda feira ao mediodía á terza o litoral estará en aviso amarelo por ondas de cinco a seis metros.

No Noroeste tamén haberá alerta laranxa no mar por vento de forza oito e a costa manterase en nivel laranxa, desde o mediodía desta segunda feira até a terza.

Na Mariña, por outra parte, estabelecerase o aviso amarelo por vento no mar e por temporal costeiro. Ademais, agárdanse ventos con refachos por enriba dos 80 km/h polo que tamén estarán en alerta amarela.

Plan Inungal

Ademais, as choivas dos últimos días manteñen activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións da Galiza (Inungal) que nestes momentos aplícase en máis dunha ducia de ríos e sete rías de toda a xeografía galega.

En concreto, atópanse en seguimento as estacións de aforo na Mariña do río Landro e Ouro (Viveiro e Foz), río Covo (Cervo); no río Mera, en Ortigueira (comarca do Ortegal); no río Xubia, San Sadurniño (Ferrolterra); no río Eume, nas Pontes (comarca do Eume); na comarca de Betanzos serán o río Mandeo, en Aranga, e o Mendo, en Betanzos; no río Anllóns, en Ponteceso (comarca de Bergantiños); no río Ulla e no río Furelos, en  Santiso (comarca de Terra de Melide); nos ríos Verdugo e Oitaven, en Soutomaior(comarca de Vigo); na Terra Chá nos río Labrada, en Xermade, e no río Landra, en Begonte; no río Neira, no Páramo (comarca de Sarria); no río Miño, na Peroxa (comarca de Ourense); e o río Arnoia, en Baños de Molgas (comarca de Allariz).

En relación ás rías en alerta son as de Cedeira, Santa Marta de Ortigueira, Betanzos, A Coruña, Arousa, Vigo e Baiona.

Entre outras recomendacións, para evitar riscos, o 112 Galiza aconsella abandonar calquera actividade que se realice nos cursos fluviais, evitar atravesar pontes ou torrentes, retirar os vehículos da marxe dos ríos e, en caso de inundación nunha vivenda, acceder á parte máis alta para protexerse.

Neve aos 900 metros

Ademais, a previsión indica que na xornada desta segunda feira non se esperan cambios significativos e o país continuará na influencia das baixas presións que enviarán unha nova fronte fría durante as primeiras horas.

Os ceos estarán nubrados con choivas máis intensas durante a mañá e co avance da tarde serán máis ocasionais e perderán intensidade.

A cota de neve baixará até os 900 metros, as temperaturas mínimas subirán lixeiramente e as baixas non terán uns cambios significativos.

O vento soprará moderado de compoñente oeste, con intervalos en zonas altas e en puntos próximos ao litoral norte.