Chega a Galiza o primeiro buque con gas 'fraking' desde EUA
O barco 'Sestao Knusten' partiu da terminal de Sabine Pass, no Golfo de México o 1 de xullo cargado con 135.000 metros cúbicos de GNL (gas natural licuado), e prevese que chegue a Reganosa esta sexta feira.
O porto de Ferrol recibirá esta sexta feira primeira carga de gas de "fracking" dende os Estados Unidos e que será almacenado en Reganosa. Un atraque que para unha cuarentena de colectivos representa o sinal de partida para a importación masiva de gas da outra beira do Atlántico. Adega, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra, e outras organizacións inciden nos perigos do "fracking", unha ameaza que persiste sobre Europa. Sinalan, nesta liña, que o uso da técnica en Lancashire (Gran Bretaña) parece inminente. E no Estado español hai varias licenzas nun estado de tramitación avanzado. Con todo, a maior e máis inminente ameaza de entrada do "fracking" no Estado español e en Europa en xeral, represéntano as importacións de gas de "fracking" estadounidense en forma de gas natural licuado (GNL). Na calor das negociacións do Acordo de Comercio e Investimentos Transatlântico (TTIP) con EEUU, o país americano levantou a finais de 2015 unha prohibición establecida dende 1975 para exportar gas.
Europa é un dos claros destinos destas remesas nun futuro a curto prazo. Este feito toma forma co anuncio da chegada do metaneiro Sestao Knusten. Varias empresas europeas, incluidas Iberdrola, Gas Natural Fenosa e Endesa, que xa asinaron contratos con empresas americanas a vinte anos para o subministro de gas.
A "Estratexia Europea para o gas natural licuado e de almacenamento de gas" é un importante pulo á importación de gas natural, con recomendacións de investimento mil-millonarias en infraestruturas, gasodutos e instalacións de almacenamento e regasificación. O Estado español é punteiro nestas capacidade en Europa, o que o convirte na principal porta de entrada para GNL no continente.
O fraking é unha técnica da fracturación hidráulica para extraer gas, que consiste en furar o subsolo e inxectar nel inxentes cantidades de auga, mesturada con area e aditivos químicos, para, após varios procesos técnicos máis, conseguiren ese novo tesouro agachado nas profundidades.