CESM lanza un ultimato a Rueda: a sanidade "paralizarase" se non senta a negociar

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervindo no Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O sindicato CESM apunta que se o 10 de xaneiro a Xunta non moveu ficha, estudará "unha escalada de mobilizacións a desenvolver en 2023".

O sindicato médico CESM Galiza vén de fixar o 10 de xaneiro como data límite para a apertura por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dunha mesa de negociación para "reverter a lamentábel situación" da sanidade pública na Galiza que, de non convocarse, levará a organización a convocar mobilizacións.

Esta mesma terza feira, unha semana despois do envío dunha carta a Rueda na que avisaban da posibilidade da convocatoria dunha folga se non se avanza na mellora das condicións laborais para os facultativos, CESM lanzou un "ultimato" á Xunta até pasadas as festas do Nadal para que mova ficha.

Así pois, a delegación no país de CESM asegura que se o 10 de xaneiro non recibiron unha contestación á misiva remitida ao presidente galego o pasado 20 de decembro, comezarán a estudar "unha escalada de mobilizacións a desenvolver en 2023", co fin de que as súas reivindicacións sexan atendidas para "recuperar a calidade asistencial que pacientes e profesionais merecen".

Demandan que sexa o propio Rueda quen protaganice o primeiro contacto, ao que demandan que designe interlocutores que teñan "capacidade de negociación" real, "non como noutras ocasións nas que os mediadores carecían de habilidade e capacidade para alcanzar acordos ineludíbel".

Peticións de dimisión

Na carta enviada a Rueda hai unha semana, CESM pediu ao presidente a remuda do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e mais do seu equipo directivo, aos que considera "responsábeis" de levar a sanidade pública galega "ao extremo", unha situación que, para a organización, require da apertura dunha negociación que, de non producirse, podería derivar "nun conflito que paralizaría a sanidade a curto prazo".

CESM considera que a sanidade pública "afunde" e a atención primaria está "devastada" por culpa da "falta de previsión absoluta" levada a cabo desde a dirección da Consellería de Sanidade "desde hai anos". Remarca que a "nefasta xestión" dos responsábeis do Goberno galego "privou o sistema dos recursos humanos necesarios para manter a calidade asistencial", polo que reclama "medidas drásticas" para "reconducir" a situación "antes de que sexa imposíbel".

Neste senso, a organización de facultativos reivindicou que esta situación "crítica" é "reversíbel" sempre que a Xunta abandone "a arrogancia e a prepotencia coa que algúns responsábeis tratan os profesionais" e que se implique "de forma rigorosa e comprometida" co sistema sanitario a través dos recursos humanos e económicos "necesarios".

Así as cousas, CESM sinala entre as súas peticións a diminución das axendas limitadas "á demanda ordinaria" e que "se regulen" as urxencias 24 horas, así como atallar o "tremendo" déficit de persoal coa cobertura de "todas" as vacantes a través de ofertas públicas de emprego, convocatorias de trasladados e a dotación de equipos "completos e estábeis" de médico e enfermaría "para dar continuidade aos pacientes".

Tamén reclaman melloras na coordinación entre atención primaria e hospitalaria, que se suprima o traballo burocrático nos centros de saúde ou que se adecúen as cotas coa fixación de mínimos e máximos atendendo ademais a cuestións sociais para "optimizar" a atención. Todas estas cuestións, sumadas á reclamación de que se equipare o salario de atención primaria a especializada, son as peticións que CESM insta a considerar a Alfonso Rueda para sentar a negociar.