Cero segundos na TVG á central sindical máis representativa da Galiza
A televisión pública da Galiza non cubriu o IX Congreso da CIG, decorrido o pasado sábado, mentres que os congresos de CCOO e UXT (o 16 de maio e o 26 de febreiro) recibiron "ampla cobertura" nos diferentes informativos da CRTVG.
A CIG, primeira forza sindical na Galiza, expresou esta segunda feira o seu "profundo malestar" polo "grave exercicio de censura e manipulación informativa" da Televisión da Galiza (TVG), que non dedicou "nin un segundo" á cobertura do seu IX Congreso, decorrido o pasado sábado, 24 de maio, en Compostela. A CIG considera esta omisión unha mostra de "parcialidade inaceptábel" nun medio público que debería servir a todas as galegas e galegos, exixe unha rectificación inmediata e o cese destas "prácticas censoras".
Nunha carta remitida ao director xeral da TVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e á directora de contidos informativos, Concepción Pombo Romero —que esta terza feira presentou a súa candidatura a dirixir o ente público—, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou que a TVG ignorou tanto o Congreso como a rolda de prensa previa do 12 de maio, onde se adiantaron os aspectos clave do evento. Pola contra, os congresos de CCOO, decorrido o 16 de maio de 2025 e o de UGT, que tivo lugar o 26 de febreiro de 2025, recibiron ampla cobertura nos espazos informativos da TVG, incluíndo o Telexornal Mediodía, o Telexornal Serán, o G24 Horas e entrevistas no programa Bos Días.
A CIG considera que os congresos dos sindicatos maioritarios teñen suficiente relevancia para merecer atención mediática, polo que a exclusión do sindicato nacionalista só pode entenderse como un "acto deliberado de censura". "Resulta rechamante que, fronte ao absoluto silenciamento da CIG, CCOO e UXT tivesen unha cobertura destacada. Máis cando a CIG é o sindicato maioritario na Galiza, con maior representatividade (31,05%, segundo datos oficiais) e afiliación (máis de 86.000 persoas) que os outros dous sindicatos”, sinalou Carril na carta.
A CIG denuncia que estas prácticas non só "atentan contra a propia organización", senón contra o conxunto da sociedade galega, privándoa dunha información plural e veraz sobre un evento clave para a defensa dos dereitos laborais e a soberanía de Galiza. Entende que a TVG, como medio público, ten a obriga de reflectir a diversidade da sociedade, "non de silenciar a voz do sindicato maioritario" e reclama que se poña fin a este "exercicio sistemático de censura" contra o pobo galego e contra o sindicato maioritario.
A central sindical trasladou o seu rexeitamento formal a estas actuacións e agarda unha resposta inmediata da dirección da TVG, así como medidas concretas para rectificar esta situación.