O pasado do CEO de Altri na polémica Dow Chemical, implicada en accidentes con miles de mortes

O CEO da multinacional lusa Altri, José Soares de Pina, nun acto decorrido en Compostela. (Foto: Arxina)
José Soares de Pina foi durante décadas directivo da multinacional da industria química Dow Chemical, inmersa en múltiples polémicas. Foi o responsábel en Portugal, Alemaña, Suiza e Asia-Pacífico.

O director executivo (CEO, polas siglas en inglés) de Altri, José Soares de Pina, recalou na pasteira lusa logo dunha dilatada carreira na multinacional Dow Chemical Company. Entre os anos 1995 e 2020 o actual directivo da compañía que quere instalar unha macrocelulosa na Ulloa traballou para estoutra empresa química nos Estados Unidos, China, Portugal, Suíza e Alemaña. Soares de Pina foi o seu director de estratexia corporativa e de desenvolvemento de negocio na rexión Asia-Pacífico, entre outros cargos de responsabilidade e xestión na compañía química desde a que chegou a Altri.

Dow Chemical, onde o executivo luso comezou a traballar con só 27 anos, é unha das maiores industrias químicas do mundo, e a polémica ao seu redor vén sendo unha constante. Dow mercou en 2001 os activos da Union Carbide Corporation (UCC), responsábel dunha catástrofe en 1984 na que morreron máis de 25.000 persoas e até medio millón resultaron feridas e con secuelas de por vida acontecida na cidade india de Bhopal, onde unha fuga nunha planta química liberou á atmosfera ducias de toneladas de isocianato de metilo, un tóxico empregado na fabricación de pesticidas.

Outra fusión de Dow Chemical, con Dupont Corporation, acabou revelando que a compañía contaminou durante anos con toneladas de verteduras de ácido perfluoroctanoico o subministro de auga de Parkesrsburg, nos Estados Unidos. O resultado neste caso foi o envelenamento de 70.000 persoas e milleiros de casos de cancro en humanos afectados e sacrificios masivos de gando enfermo.

Ninguén de Dow Chemical até o de agora pagou por estas catástrofes. Activistas de todo o mundo mobilizáronse durante os últimos anos –tamén baixo a responsabilidade de Soares de Pina en Dow Chemical en Asia-Pacífico– para exixir á empresa que asuma as súas responsabilidades pola traxedia, pois até o momento os seus executivos eludiron a Xustiza alegando que a responsabilidade foi dos traballadores da fábrica.

A antiga Union Carbide e o seu ex presidente Warren Andersen foron acusados de homicidio na India polas mortes de Bhopal, pero se negaron a comparecer diante dos tribunais do país. Un argumento defendido tamén desde Dow Chemical e os seus directivos –entre eles Soares de Pina– para eludir responsabilidades sobre este e outros casos acontecidos nas súas filiais.

Historial de accidentes e contaminación ambiental

Mais o historial de Dow Chemical non remata aí. En maio de 1979 unha explosión destruíu as súas instalacións na cidade estadounidense de Pittsburgh, provocando a morte de dous traballadores e feridas a máis de 45. E en 1980 un grupo de investigadores descubriu que 25 empregados das instalacións da empresa de Freeport, en Texas, tiñan tumores cerebrais; en 24 casos foron mortais.

O libro Os nosos debedores, do experto estadounidense nesta industria Jack Doyle, revela tamén casos relativos á empresa como a contaminación no río Tittabawassee, na cidade de Midland, onde naceu a compañía. Aliás, as actividades de Dow Chemical en Texas provocaron a vertedura de máis de 17.000 millóns de litros de augas residuais ao día no río Brazos e no golfo de México.