Residencia da presidenta de Jóvenes Empresarios de Pontevedra agocha 5 anciáns nun galpón durante unha inspección

Lucia Pedrosa (AJEP) nunha recepción na Casa Real. Imaxe Casa Real

CIG afirma que a propietaria, Lucía Pedroso, pretendía ocultar a sobreocupación do centro da terceira idade.

Inspección constatou na residencia da terceira idade ‘Mi Casa’ a presenza de cinco maiores agochados durante horas, primeiro na lavandeiría e despois nun galpón. O centro é propiedade da presidenta provincial da Asociación de Jóvenes Empresarios en Pontevedra, Lucía Pedroso Suárez.  A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, e o responsábel de Negociación Colectiva da federación, Pedro Pérez, denunciaron publicamente o sucedido durante unha inspección ordinaria de Política Social a esta residencia situada na parroquia de Amoedo, no concello de Pazos de Borbén.

Explicaron que cando a inspectora da Xunta accedeu a ‘ Mi Casa’, “tivemos coñecemento de que cinco persoas maiores foron agochadas no interior da lavandería para que a inspección non detectara que a residencia ten usuarios de máis”.

A inspectora, explican, achegouse até a zona de lavandería para comprobar este extremo. “Alí atópase a porta pechada e pide que lla abran, negándose en todo momento a responsábel da residencia aducindo que o cuarto está en obras”. A inspectora insiste e volven prohibirlle o acceso, polo que ameaza con chamar a Garda Civil. “Dinlle que faga o que queira, e cando se ausenta un momento para comunicarlle ao departamento autonómico que non lle permiten entrar no cuarto aproveitan para cambiar os maiores de sitio”. E, denuncian desde a CIG, lévanos a un galpón que se atopa na parte traseira do inmoble. “Trátase dun habitáculo duns dous metros de alto con tellado de uralita no que os cinco usuarios da residencia son confinados/as xunto a unha auxiliar”.

Ao se enteirar dio cambio, advirten á inspectora, que vai até o galpón e piden que lle abran a porta, “ao que se volven negar alegando que dentro non hai nada, a pesar de que se escoitaban as voces das persoas que se atopaban no interior”. Nese momento decide chamar os axentes.

Perante a chegada de axentes da Garda Civil, a responsábel da residencia accede a abrir a porta do galpón, atopándose os axentes cos cinco maiores e a auxiliar. “Estas persoas estiveron arredor de catro horas en condicións degradantes, primeiro na lavandería e logo no galpón a máis de 25 grados de temperatura, sen auga, sen a súa medicación e incluso sen cueiros”. 

 ‘Mi Casa’, di a CIG, é unha residencia privada que ten un concerto público coa Xunta polo que pon 22 prazas a disposición do departamento autonómico. O centro conta en total con 58 prazas, mais no momento da inspección había un total de 63 usuarios. “Foi precisamente para ocultar esta sobreocupación polo que deciden agochar os cinco maiores, cando ao único que se enfrontarían no caso de que a inspección detectase o desfase sería a unha sanción administrativa”.

Lucía Pedroso, lembra a CIG, ademais de presidenta da AJE de Pontevedra é tamén vicepresidenta da Confederación Española de Jóvenes Empresarios (CEAJE) e vocal da patronal española COE