Un centro de atención á diversidade funcional da Guarda gasta 150.000€ públicos en despedimentos
O San Xerome négase a admitir catro traballador@s cuxo cesamento foi declarado improcedente polo Xulgado do Social de Vigo. Destinará 10.600 euros en liquidación e 138.000 en indemnizacións.
A dirección do centro San Xerome da Guarda, de atención a persoas con diversidade funcional, amosouse disposta a investir 150.000 euros procedentes de axudas públicas e doazóns solidarias no despedimento de catro traballador@s, practicados en 2013. Fíxoo ao se negar a acatar a sentenza que declara improcedentes os despedimentos, o que supón destinar 10.600 euros en liquidación e 138.000 euros en indemnizacións.
Así, o Xulgado do Social de Vigo considera probado que existíu unha manipulación das contas do centro para xustificar os catro cesamentos en base a unha situación de insolvencia. Segundo CIG-Ensino, as razóns dos despedimentos son "a actitude reivindicativa e a filiación sindical" d@s profesionais do San Xerome. Desde o ano 2008, o cadro de persoal gañou varias sentenzas relacionadas cos incumprimentos do convenio, esixindo que non se aumentase o horario laboral. O 5 de abril de 2013 despediron catro persoas das nove que denunciaran vulneracións de dereitos.
Após analizar as devanditas contas, o xuíz instrutor concluíu que nos días previos aos cesamentos, o centro quedou en números vermellos ao se derivaren 68.912 euros a "investimentos financeiros a curto prazo". Di a resolución xudicial que este motivo "abonda por si só para declararmos a improcedencia dos despedimentos" nun servizo que ten como únicas vías de financiamento as axudas públicas e doazóns solidarias de particulares. Nais e pais d@s usuari@s barallan solicitar unha auditoría das contas.