Persoal da CRTVG e colectivos sociais reclaman á Xunta e ao PP o fin da "manipulación" e dos "secuestro" dos medios públicos galegos
Persoal da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) –antiga CRTVG–, representantes sindicais, deputados e deputadas do BNG e outros colectivos organizados ao redor da plataforma 'Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo' concentráronse esta terza feira ante o Parlamento galego para advertir á Xunta e ao PP que lles terán "enfronte ata a vitoria final" contra a "manipulación" dos medios de comunicación públicos.
Así o expresou a portavoz da plataforma, Tereixa Navaza, en declaracións a xornalistas con motivo desta protesta horas antes de que o pleno da Cámara autonómica tome en consideración a iniciativa lexislativa popular (ILP) para acabar co "secuestro" da CRTVG.
Este texto chegou ao Parlamento o pasado mes de abril tras recompilar 24.000 firmas de galegos e galegas e esta mesma terza feira decaerá no seu primeiro exame, antes de que poida iniciarse a súa tramitación. "O Goberno, como un buldócer coa súa maioría absoluta, vai facer o enterro dos medios públicos deste país", denunciou Navaza, quen insistiu na "mentira permanente" na que está instalada a agora rebautizada como CSAG, tras a aprobación da última lei autonómica o pasado marzo que tamén piden retirar.