Centos de persoas forman unha cadea humana para pedir o feche de Elnosa na Ría de Pontevedra

Cadena humana, con Miguel Anxo Fernández Lores no centro, para reclamar o encerramento de Elnosa na Ría de Pontevedra

Convoca a acción a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra. A cadea humana denunciou o trato favorábel que quer a Xunta quer o Estado outorgan a Elnosa para ficar en Lourizán

Unha fila de por volta de 300 persoas uniu a delegación de Costas, nas proximidades da pontevedresa Praza da Liberdade, até a delegación da Xunta en Campolongo. A cadea humana reclamou con esta acción o fechamento da factoría de Elnosa.

 

En declaracións aos meios, Antón Masa, presidente da ADRP, afirmou que Elnosa debe abandonar a Ría e debe facelo non só porque ese é o desexo maioritario da sociedade pontevedresa, mais tamén porque é a opción máis racional e máis axustada á legalidade. 

 

Masa lembrou que a segunda feira a electroquímica está obrigada, en función de directivas da UE, a deixar de elaborar cloro a partir do mercurio. 

 

A concesión de Elnosa en dominio público -salientou o portavoz da ADRP- expira a 29 de xullo de 2018, máis unha razón para o seu fechamento, alegou. Criticou Masa a Xunta -en concreto o seu vicepresidente Alfonso Rueda- por ter dito que se lle concedería a autorización ambiental integrada á electroquímica, unha posición que revelaría a prepotencia e o "talante antidemocrático" do gobernno galego.

 

Na cadea humana participou o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, ben como os integrantes do goberno local Carme da Silva, Anabel Gulías, Pilar Comesaña e Raimundo González.