Cadea humana de centos de persoas en Viveiro para pedir que se salve a praia da Covas
Dragaxes e obras portuarias afectan ás correntes mariñas, provocando importantes perdas de area na zona da praia coñecida como Os Castelos, para se acumular no outro extremo, O Cembedo.
Centos de persoas, unhas 2.000 segundo a organización, tomaron parte este domingo na xigantesca cadea humana que percorreu Covas para reivindicar a protección desta praia de Viveiro, que leva anos sofrendo importantes perdades de area, nomeadamente na zona coñecida como Os Castelos. A iniciativa estaba convocada por 'Salvemos a praia da Covas', un colectivo que está a realizar diferentes accións e propostas para dar a coñecer a situación do areal e demandar solucións.
Na cadea humana participaron centos de veciños de Viveiro mais tamén de localidades cercanas. As obras de dragaxe e protuarias que se levaron a cabo estes anos alteraron as correntes mariñas da zona, sosteñen desde a organización, o que está a provocar entre outros efectos a perda de cantidades importantes de area na praia urbana da cidade do Landro. Perdas que se dan na zona de Os Castelos para se acumular no seu outro extremo, O Cembedo. A praia mide por volta duns dous quilómetros.
Na mobilización popular estiveron presentantes representantes do Concello e das organizacións políticas, sociais e sindicais da comarca, así como de diferentes entidades e asociacións. Todos coinciden en reclamar de Xunta e Estado que analicen a situación e tomen decisións.