Pontón critica a pasividade do Goberno Sánchez

Centos marchan desde Sada a Meirás para pedir a devolución do pazo

Un momento da marcha

Nova acción cívica na procura da restitución do ben espoliado pola ditadura. Centos de persoas secundaron a marcha convocada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) co apoio de até 30 colectivos cidadás e percorreron a distancia, por volta de 5 quilómetros, entre Sada e o Pazo. Na marcha participaron representantes da oposición e integrantes dos 19 de Meirás, denunciados pola familia do ditador.

En declaracións a Europa Press, o portavoz da CRMH, Fernando Souto, declarou que con esta acción se tenciona encoraxar o goberno español para que actúe "valentemente" con vistas á recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público.

 

A vía é a xudicial, enfatizou Souto, de acordo cos informes xurídicos que están en mans da CRMH e que mostrarían como o pazo foi adquirido pola familia Franco de forma fraudulenta cando na realidade pertencía ao patrimonio público.

 

"Esta marcha solicita esa acción [ao goberno español], estamos no mesmo barco e queremos que actúe emprendendo a acción civil. A pelota está no tellado do Goberno e animámolo coas actividades e accións correspondentes", dixo Souto.

 

Por súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou na marcha, expresouse en termos críticos a respecto de como está a xestionar este asunto o Goberno Sánchez. 

 

Pontón criticou o que cualificou de "pasividade" do executivo central: "Non pode pasar nen un minuto máis sen que realmente o Goberno de Sánchez presente esa denuncia para que devolvan o pazo aos galegos e galegas", dixo.

 

A líder nacionalista rendeu tamén tributo aos 19 de Meirás. "Pídenlles case 250 anos de prisión por pendurar unha faixa", dixo, cando en realidade quen se debería sentar no banco dos acusados serían os membros da familia do ditador "por levar durante bastantes décadas ocupando un pazo que é patrimonio das galegas e dos galegos".

 

O xuízo contra os 19 de Meirás, enfatizou Pontón, constitúe toda unha "vergonza" nun "país democrático".