'Ciberataque' contra o Parlamento con centos de correos antivacinas

Parlamento de Galiza
Do "estamos en guerra" a "non é posible que este Parlamento estea composto por humanos": as mensaxes no 'Lexisla con nós'.

Deputados dos distintos grupos con representación no Parlamento galego -PPdeG, PSdeG e BNG- e tamén persoal do Pazo do Hórreo recibiron nos seus correos electrónicos nos últimos días numerosos mails con contido 'negacionista' da Covid-19, en contra das vacinas, ou de rexeite á nova lei de saúde pola súa incidencia, precisamente, en cuestións como a vacinación ou as multas.

Fontes parlamentarias consultadas por Europa Press trasladaron que ditos correos son, en ocasións, "desagradábeis", sen "ningún tipo de argumento" e mesmo conteñen "insultos". Pero o maior impacto deste 'troleo' sufriuno o portal aberto á opinión do cidadán da Cámara autonómica, o 'Lexisla con nós', que á primeira hora deste venres xa sumaba case 460 comentarios.

Segundo as fontes consultadas por Europa Press, estes comentarios que se subiron superan o "filtro" xa que, a pesar dos seus dubidosos argumentos desde o punto de vista científico, non inclúen "insultos" nin contido especificamente degradante. A diferenza do que ocorre con outros centos de comentarios recibidos e que non foron publicados.

As distintas fontes consultadas inciden no "atasco" e "colapso" que supón para o labor diario, e no "molesto" que resulta na xestión dos correos electrónicos corporativos.

Por parte do Parlamento, está a analizarse se se pode dar algún paso para tratar de que se reduza esta práctica, que se agudizou na última semana -a maior parte dos comentarios que ten o portal 'Lexisla con nós' chegaron a partir do 2 de febreiro-.

O contido das mensaxes é variado, do mesmo modo que os nomes dos que os subscriben, pero inciden na súa gran maioría en que a reforma da lei de saúde  ten un carácter "totalitario". Tamén cargan contra a "obrigatoriedade" de vacinarse e o que consideran "un ataque aos dereitos fundamentais".

Un paso máis aló no seu comentario vai 'José Octavio', que opina, en letras maiúsculas: "Non é posible que este Parlamento estea composto por humanos. Isto é inadmisible. Non, non, non e non. Son cidadán do mundo e español".

"Estamos en guerra. Sabémolo. Non permitiremos que nos asasinen sen dar a vida pola nosa liberdade e os nosos dereitos. Non van poder coa nosa forza, a nosa luz e a nosa Divindade connatural á nosa existencia", apunta 'Juan Carlos' noutro comentario.