Cede por danos estruturais a ponte de Pontearnelas que une Vilanova e Ribadumia

Vista da ponte de Pontearnelas (Foto: Google Maps).
O 112 informou de que foi un carril da ponte o que cedeu "por danos estruturais" e que, en consecuencia, procedeuse a fechar ao tráfico dúas vías secundarias da zona: a EP-9301 e a EP-9703. Ademais, como medida preventiva, interromperon o tránsito no paseo que vai por baixo da estrutura.

Parte da estrutura da ponte de Pontearnelas, que une Vilanova e Ribadumia, cedeu esta terza feira por danos estruturais, segundo informou o 112. A circulación viuse afectada, dado que se fechou ao tráfico por seguridade.

Fontes da Xunta trasladaron que, tras se detectaren danos en varias péndolas da ponte, na estrada PO-300, procedeuse a fechar o tráfico da vía nese punto. A circulación desviouse pola ponte antiga.

Avaliación "en profundidade"

As mesmas fontes indicaron que os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas avaliarán agora "en profundidade" os danos que poidan existir para adoptar as medidas correctoras necesarias.

O 112 informou de que foi un carril da ponte o que cedeu "por danos estruturais" e que, en consecuencia, procedeuse a fechar ao tráfico dúas vías secundarias da zona: a EP-9301 e a EP-9703. Ademais, como medida preventiva, interromperon o tránsito no paseo que vai por baixo da estrutura.

O 112 tivo coñecemento da situación ao fío das 15.30 horas, a través da chamada dunha persoa particular, que informaba dun afundimento duns 50 centímetros nun dos carrís da ponte.

Até o lugar desprazáronse os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, o servizo de mantemento da vía de circulación, os voluntarios de Protección Civil de Vilanova de Arousa e bombeiros do Salnés, que informaron ao 112 Galiza da rotura dun cable na parte baixa da ponte, provocada polo paso dun tráiler.