Cazolada e ‘apagón’ durante o discurso de Felipe VI no día 24

Imaxe de arquivo dunha cazolada (Nós Diario)

Convocada a través das redes sociais para rexeitar a monarquía. 

Unha convocatoria está a percorrer as redes sociais chamando a protestar este 24 de decembro durante o tradicional discurso do rei español. Co lema  “Non á monarquía! Galiza non ten rei!” convídase a facer un ‘apagón’ televisivo ás 21:00 horas (hora de inicio do discurso de Felipe VI).

Ademais, chámase a que, a esa mesma hora, saír a balcóns e xanelas nunha cazolada para protestar contra a monarquía.

Non é a primeira iniciativa deste tipo. O pasado mes de marzo houbo na Galiza e no Estado unha cazolada contra o monarca español.

Tarteiras, potas, cazolas, culleres, garfos... Todo foi válido para, ás 21 horas do 18 de marzo, facer ruído e barullo no mesmo momento no que a través da radio e televisión Filipe VI daba o seu 'Discurso a la Nación'. Numerosas persoas saíron a balcóns e xanelas para facer visíbe, e audíbel, o rexeitamento á monarquía española na segunda acción deste tipo no día. A da noite, foi máis numerosa e ruidosa que a primeira, que tivo lugar ás 12:00. Ambas as dúas convocatorias 'rularan' a nivel de todo o Estado polas redes sociais nestes días.

A segunda emprazaba á cazolada no mesmo momento, 21:00 horas, nas que estaba previsto o inicio do discurso do rei español. Unha iniciativa apoiada por formacións soberanistas como BNG, ERC, CUP ou Bildu, entre outras, que nun comunicado conxunto chamaron a "axitar as cacerolas para expresar a urxencia de dicir adeus á monarquía e construír as repúblicas dos pobos".