Cinco falecidos e catro feridos graves nun accidente na mina de Cerredo, en Asturias

Mina de Cerredo, Degaña, Asturias. (Foto: Arquivo Histórico Mineiro)
A orixe puido ser unha explosión de grisú, un gas inflamábel. Os falecidos teñen idades comprendidas entre 32 e 54 anos

Cinco persoas faleceron e outras catro resultaron feridas de consideración nun accidente laboral rexistrado nunha mina de Cerredo, no municipio de Degaña, en Asturias, segundo a información recollida por Europa Press de fontes do Servizo de Emerxencias de Principado de Asturias, de Delegación do Goberno e da Garda Civil. Xa non hai persoas desaparecidas.

Dous dos feridos foron trasladados até Ponferrada, con queimaduras. Outro ferido foi trasladado na ambulancia de soporte vital básico ao Hospital Carmen e Severo Ochoa de Cangas del Narcea, cun golpe na cabeza. O SAMU mantén mobilizados no lugar o equipo de Atención Primaria de Degaña, dúas UVI-móbil co seu correspondente equipo sanitario, unha ambulancia convencional e dúas de transporte de colectivos. Por último, outro ferido que estaba desaparecido foi localizado e tamén foi trasladado en helicóptero a un centro hospitalario, segundo as fontes consultadas.

A explosión foi consecuencia, segundo as primeiras investigacións,dunha bolsa de grisú. As cinco vítimas son de León, catro deles de Villablino (Val de Laciana), e teñen idades comprendidas entre os 32 e 54 anos. Todos pertencían á empresa Blue Solving e supostamente estaban a facer "labores de investigación".

O presidente de Asturias, Adrián Barbón, declarou dous días de loito oficial no Principado de Asturias "como mostra de respeto polas persoas falecidas". Tamén o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, mandou "un sentido abrazo" aos familiares das vítimas mortais no accidente da mina de Cerredo e desexou unha pronta recuperación aos feridos. "Un sentido abrazo aos familiares das vítimas mortais do accidente producido nunha mina en Degaña, Asturias. E o meu desexo dunha pronta recuperación a quen resultou feridos", expresou o xefe do Executivo nunha mensaxe na rede social 'X'.

Alerta e traballo de rescate

Ademais activouse o Grupo de Rescate co helicóptero medicalizado do SEPA e tamén os outros dous helicópteros multifunción do organismo autónomo, un para trasladar a Brigada de Salvamento Mineiro desde o pozo Fondón e o outro para trasladar ao lugar persoal de intervención, entre outros, a Unidade Canina.

Vistas do municipio de Degaña, en Asturias. (Foto: Concello de Degaña)

O Centro Coordinación de Emerxencias do 112-Asturias recibiu o aviso ás 09.32 horas. Na chamada indicaban que había unha incidencia na mina. Posteriormente engadiron que se produciu un problema cunha máquina e había persoas feridas.

A Sala 112 do SEPA, ademais dos tres helicópteros, Grupo de Rescate e Unidade Canina activou a Bombeiros do SEPA dos parques de Cangas del Narcea e Ibias, Xefe de Zona, Vehículo de Apoio Loxístico e Posto de Mando Avanzado. Até o lugar desprazáronse tanto servizos sanitarios, bombeiros e Brigada Central de Salvamento Mineiro, como efectivos da Garda Civil de Degaña, Cangas de Narcea, así como de Policía Xudicial de Pravia.