Saúde

Día Mundial da Tuberculose: cantos casos hai na Galiza? E cales son os factores de risco?

Investigador do CSIC traballando no laboratorio. (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade celebra a "tendencia descendente" mais lembra que non se pode "baixar a garda" ante esta enfermidade.

A Consellaría de Sanidade destaca este domingo a "tendencia descendente" da tuberculose na Galiza desde a implantación do Programa galego de prevención e control da tuberculose, no día no que se conmemora a loita contra esta doenza en todo o mundo. En concreto, desde o departamento que dirixe o conselleiro Julio García Comesaña apuntan que, a respecto do ano 1996, o número total de casos de tuberculose descendeu en 2022 un 84,3% —pasouse de 1.936 a 308 casos—.

A maior parte dos casos, precisan, diagnosticáronse en pacientes autóctonos, con presentacións en idades cada vez máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo aquelas que afectan o sistema inmune. A incidencia xeral é de 11,4 casos por cada 100.000 habitantes.

Tamén subliñan que a baixa porcentaxe de tuberculose multirresistente e o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados, tanto na tuberculose sensible como na tuberculose resistente, ao que contribúe que máis de 65% dos casos tivesen un tratamento en réxime supervisado, "indica un bo control da tuberculose na Galiza".

Con todo, aínda que os indicadores do funcionamento do Programa galego sexan favorábeis, a Consellaría de Sanidade lembra que non se pode "baixar a garda", polo que se debe manter a tuberculose como liña chave en saúde pública e potenciar as unidades de prevención e control desta enfermidade, reforzándoas no seu papel de referencia para a diagnose, seguimento e tratamento de todos os casos de enfermidade e infección tuberculosa, especialmente nos colectivos de especial vulnerabilidade de infectarse e/ou enfermar, para así cortar a cadea epidemiolóxica de transmisión.

A Consellaría tamén trasladou outros datos referidos a esta enfermidade na Galiza no ano 2022, entre os que destaca que até 58,1% dos casos corresponden a homes. E, por grupo de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos, mentres o 2,9% foron nenos —menores de 15 anos de idade—.

En conxunto, en 76,3% dos casos —homes 81,6% e mulleres 69%— presentáronse un ou máis factores de risco asociados. O principal foi o tabaquismo (27,9%). A localización máis frecuente foi a pulmonar (62%) e, deles, o 39,3% foron casos bacilíferos; é dicir, moi contaxiosos.

No marco do programa, no ano 2022 estudáronse 990 contactos de enfermos de tuberculose pulmonar, dos que 18 (1,8%) estaban enfermos e 241 (24,3%) infectados no momento do estudo. Presentáronse dez gromos de tuberculoses na Galiza e, deles, o 60% foron detectados no ámbito familiar.