Os casos activos no ensino repuntan após semanas á baixa

Escola infantil (Europa Press)
Destacan os 29 positivos no CPR Tirso de Molina de Ferrol, onde se realizou un cribado.

Os casos activos de Covid-19 en centros educativos da Galiza repuntan até 484, seis máis que a anterior xornada, segundo datos deste sábado. Deste modo, o incremento rompe coa tendencia á baixa das últimas semanas. As aulas clausuradas mantéñense en 23.

Igualmente, a Escola Infantil PAI de Tordoia (A Coruña), situada na área sanitaria de Santiago, segue como único centro fechado debido a un positivo no mesmo.

Por áreas sanitarias, a da Coruña concentra o maior número de casos activos, con 192, o que supón cinco menos, e tres aulas fechadas (catro menos). O CPI Castro Baxoi, de Miño, está á cabeza con nove positivos; seguido polo CPR Plurilingüe Liceo La Paz e o CEIP Raquel Camacho, ambos con oito cada un na cidade herculina.

O maior incremento prodúcese na área de Ferrol, que acada os 62 casos (17 máis). Sobresaen os 29 positivos no CPR Tirso de Molina de Ferrol, maior cifra da Galiza, uns casos asintomáticos que se detectaron após o cribado realizado entre alumnado e profesorado.

Residencias: o brote en Silleda

No que atinxe as residencias, o brote de Silleda rexistrado onte afecta a un total de 33 persoas usuarias e a un traballaro. O Concello xa apuntara que esta trintena de contaxiadas eran asintomáticas, mentres que se espera que a vacinación "resulte efectiva á hora de superar a enfermidade". 

O brote provoca que os positivos en residencias na Galiza aumenten a un total de 49. A de Santa Mariña de Xinzo de Limia mantense cun brote con 10 casos entre usuarios; Mi Casa Ferrol conta con tres; a DomusVi Laraxe de Cabanas, dous; o Fogar Residencial Xardín Castro Lar de Salceda de Caselas segue con un.

Nos centros de atención a persoas con discapacidade (CAPD) xa non se rexistran contaxios.