Covid: casos activos e contaxios rexistrados seguen en descenso

Un sanitario sostén unha mostra para realizar unha análise PCR (Europa Press).
Lixeiro aumento de persoas ingresadas. 

Galiza chega ao ecuador desta semana cos novos contaxios de Covid-19 por baixo do centenar por terceira xornada consecutiva, tras rexistrar outros 82, mentres que os casos activos seguen en descenso por undécimo día seguido e sitúanse en 2.206. Por contra, os pacientes ingresados ascenden lixeiramente a 111, dous máis.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas desta terza feira, recollidos por Europa Press, descenden a 21 as persoas ingresadas en UCI na Galizaa, catro menos, mentres que aumentan a 90 as que permanecen noutras unidades, seis máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe lixeiramente nas da Coruña e Cee, Lugo, Pontevedra e O Salnés e Ferrol; descende nas de Vigo e Ourense; e mantense na de Santiago e Barbanza.

En canto aos casos activos de Covid-19 manteñen a tendencia descendente por undécima xornada consecutiva e sitúanse en 2.206, dúas menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (83) que novos contaxios (82) ao que se engade un falecido.

As infeccións activas descenden nas áreas da Coruña e Cee (-6) e de Pontevedra e O Salnés (-14); increméntanse lixeiramente nas de Santiago e Barbanza (+4), Lugo (+6) e Ferrol (+8), mentres que seguen sen cambios nas de Ourense e Vigo.

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19  seguen por baixo do centenar por terceira xornada consecutiva con 82, despois de iniciar esta semana con 76 e os 90 do día anterior, que supoñen oito menos que os actualizados este mércores.

Polo seu lado, a taxa de positividade descendeu por baixo do 2% a un 1,53%. Continúa así por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia.

Desde o inicio da pandemia as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 sitúanse en 2.420, ao notificar a Consellaría de Sanidade unha nova vítima. O último óbito corresponde a un home cuxo falecemento foi comunicado na tarde desta terza feira polas autoridades sanitarias, aínda que se produciu na xornada da segunda feira. Atopábase ingresado no CHOP e tiña patoloxías previas.