O caso de Heriberto e Modesta non é o único: denuncian o "abandono" da Xunta a persoas dependentes

Modesta (á esquerda), de 95 anos, e a súa coidadora. (Foto: Nós Diario)
 "30 persoas falecen de media cada mes agardando polas prestacións ou axudas", lembrou o Sindicato Labrego Galego.

A porcentaxe de grandes dependentes na Galiza está por riba da media do Estado, concretamente nove puntos porcentuais por riba no grao III e un punto e medio no II, sinalou esta quinta feira o Sindicato Labrego Galego (SLG). Porén, "de cada cen persoas potencialmente dependentes na Galiza só 18 solicitan a axuda, a cifra máis baixa de todo o territorio estatal", engadiu.

"Esta eiva na atención pública a persoas vulnerábeis está relacionada coa escaseza e precariedade de medios humanos –nun traballo feminizado–, a aposta pola privatización de instalacións e de recursos, así como as continuas modificacións na normativa da Consellaría de Política Social e Igualdade", acrecentou o SLG.

"Unha vez aprobados os servizos (proceso que se dilata durante meses) a media de agarda para recibilos é de máis dun ano. Ao tratarse precisamente estas usuarias (e as súas coidadoras) de persoas ás que literalmente se lles vai a vida na consecución destas axudas e servizos para ter un día a día minimamente digno, estes atrasos provocaron (segundo datos do Instituto de Maiores e Servizos Sociais) que entre xaneiro e outubro de 2024 máis de trescentas galegas e galegos morreran mentres estaban na lista de agarda", engadiron.

"No medio rural temos unha alta taxa de poboación maior, polo que é un territorio especialmente afectado por este abandono institucional", explicou a vogal da organización no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto Ledo.

Heriberto e Modesta

Un dos casos que segue o SLG é o de Heriberto e Modesta, de 98 e 95 anos. A súa solicitude cursouse en decembro de 2023 e foron valorados en agosto de 2024. Heriberto faleceu o pasado 8 de outubro sen resposta, mentres Modesta, a día de hoxe, non ten ningunha notificación. "30 persoas falecen de media cada mes agardando polas prestacións ou axudas", lembrou o sindicato.