Case 60% dos colexios concertados na Galiza cobran cotas irregulares ás familias
A maioría dos colexios concertados na Galiza cobra ás familias unha cota base educativa que "vulnera o dereito á gratuidade do ensino", segundo denunciou esta cuarta feira a propia patronal de ensino privado, Cicae, durante a presentación dun informe sobre estas achegas económicas.
Para matricular un neno ou unha nena, a maioría dos colexios privado-concertados da Galiza, é dicir privados que reciben fondos públicos, cobran unha cota base que nalgúns casos pode chegar aos 2.550 euros por curso, como acontece nas Acacias (Vigo) -centro de Fomento, institución vinculada desde os seus inicios ao Opus-, colexio que vén de renunciar a aceptar só alumnas xa que a Lomloe exclúe dos concertos os centros que segregan por sexos. 57% dos colexios concertados na Galiza cobrarían a cota base segundo o Estudo de cotas e prezos en colexios concertados que esta cuarta feira presentou en Madrid a Asociación de Colexios Privados e Independientes Cicae e na que se analizan os datos por comunidades. A lei educativa vixente desde o ano 2021, a Lomloe, prohibe as achegas obrigatorias e exixe que as actividades extraescolares, que si poden ter un custo, se realicen fóra do horario escolar. Elena Cid, portavoz de Cicae, afirma que nestes últimos anos “xeneralizouse un copagamento na educación concertada, o que vulnera o principio de gratuidade dos ensinos obrigatorios e fomenta a segregación escolar”.
Os datos da Galiza que contén este informe son esclarecedores. O traballo elaborouse coa metodoloxía coñecida como mystery shopper, simulando ser familias interesadas en matricular os seus fillos e fillas e analizando 30 centros, contando no equipo de estudo con auditores especializados. Ademais de rexistrar que case 60% dos concertados cobran esas cotas, afirma que en 59% deses centros que recadan estas achegas non se menciona que estas son voluntarias, o que si se fai en 41% restante. Ademais, 23% dos colexios non fornecen as familias coas follas de prezos destas cotas ou achegas obrigatorias.
Entre os exemplos das xustificacións da obrigatoriedade, o estudo menciona argumentos como o de que o pagamento é para cubrir "a metodoloxía e os materiais" (A Salle de Ferrol) ou que así se sufraga "un complemento de horas dentro do seu proxecto educativo". (Miraflores, Ourense).
De feito, e segundo se recolle no traballo presentado esta cuarta, até varía o nome en que se denomina este 'copagamento'. Así, por exemplo, na Galiza a denominación de "cota" para se referir a el só a usa 18% dos centros (mentres que o fan 40% no Estado español). A maioría dos colexios concertados na Galiza optan por lle denominar "achega" (36%, unha porcentaxe similar á do Estado) ou tamén "proxecto educativo" (35%, porcentaxe que no Estado cae a 10,2%). Por último, 12% destes centros concertados na Galiza optan por usar o termo "actividades complementarias".
Os centros na Galiza, entre os máis caros
A Galiza é a cuarta comunidade do estudo da Cicae onde está a cota máxima máis alta (255 euros/mes), só por detrás de Catalunya (1.100 euros mensuais), o País Valencià (450) e Madrid (277 euros). A media da cota que se paga na Galiza no presente curso é un total de 54 euros ao mes —540 por curso escolar—.
Cales son os centros coas cotas máis altas na Galiza? En primeiro lugar figura o colexio das Acacias, de Vigo, con 255 euros ao mes; seguido do ourensán Miraflores (145 euros ao mes), Lar, tamén en Vigo, con 100 euros mensuais, e o colexio de Montegrande, na Coruña, con 80 euros.
330 millóns para a concertada en 2025
A Xunta da Galiza paga en 2025 á educación concertada 330 millóns de euros, o que representa 13 millóns máis que en 2024. O orzamento da Consellaría de Educación para 2025 é de algo máis de 3.000 millóns de euros, son 70 millóns máis que en 2024 (o orzamento foi de 2.976 millóns). En concreto, e en base aos Orzamentos, en Educación Infantil en 2025 os investimentos en centros privados concertados superan os 46 millóns de euros (2 millóns máis que en 2024), no caso de Primaria e da ESO a cifra de concertos da Xunta da Galiza ascende a 236,7 millóns (fronte aos 227,3 do ano pasado). Na Formación Profesional (FP) as prazas concertadas pola Consellaría de Román Rodríguez para 2025 superan os 28 millóns de euros de orzamento (foron 26,6 en 2024) e na Educación Especial as contas de 2025 consignan 19,5 millóns para pagar prazas en centros privados (en 2024 a cifra foi de 18,8 millóns).
O alumnado matriculado na Galiza en centros de titularidade privada —privados e concertados— supera a media tanto na Unión Europea (UE) como na Organización para a cooperación e desenvolvemento económicoc (OCDE). A fenda entre a porcentaxe de alumnado que estuda Primaria e Secundaria na Galiza nun centro público e o que de media opta por este modelo na UE é de máis de 13 puntos: 72,6% fronte a 85%. Un de cada catro alumnos e alumnas do ensino non universitario está matriculado na Galiza nun centro privado ou concertado. Os que estudan nesta modalidade representan 27,5% do total, unha porcentaxe superior á media dos que cursan Primaria e Secundaria en privados e concertados no conxunto da UE (15,5%) ou na OCDE (16,6%), que agrupa 38 estados.
Ao feche desta edición, Nós Diario non recibiu resposta da Consellaría de Educación á pregunta de se ía adoptar algunha medida cos centros que teñen cotas irregulares ás familias.
O prezo das cotas irregulares subiu 42% desde o curso escolar 2022-20233
Desde o curso 2022-2023 ao actual, 2025-2026, o prezo das cotas educativas que se cobran nos colexios de ensino concertado na Galiza aumentaron 42,3%, segundo recolle o estudo presentado onte pola Asociación de Colexios Privados e Independientes Cicae. Se daquela (2022-2023) a cantidade mensual das cotas era de menos de 38 euros (en concreto, 37,8 euros ao mes), agora superan os 53 (53,8 euros mensuais).
O incremento porcentual de 42% da Galiza sitúase moi por riba do rexistrado nese mesmo período en comunidades como Catalunya (+23,4%) ou Madrid (+16%). En Andalucía esa achega económica mesmo descendeu en 32% entre 2022 e 2025, ao pasar dun pagamento medio de 42 euros aos 28,6 actuais. O estudo tamén analiza, mais xa a nivel estatal, o perfil dos colexios concertados e chega a varias conclusións. Os de titularidade mercantil son os que cobran as cotas máis altas, cunha media de 114 euros ao mes. A continuación, os pertencentes a Sociedades Anónimas, Cooperativas e Sociedades de Responsabilidade Limitada son os que rexistran máis casos de obrigatoriedade. Por último, os de congregacións relixiosas son os máis numerosos e os que impoñen importes máis baixos.
No curso actual na Galiza hai 192 centros de ensino concertado, por 889 públicos e 163 de carácter privado. Máis dun terzo dos colexios que gozan dun réxime de concerto coa Xunta da Galiza teñen carácter relixioso, e a práctica totalidade deles englóbase dentro da rede Escolas Católicas.