Case dous meses en folga de fame contra as torturas na cadea

Un preso do centro penitenciario da Lama (Pontevedra) mantén un xexún indefinido para denunciar "as habituais vulneracións de dereitos fundamentais" en prisión. 

 

Desde o 14 de agosto o preso Emilio Sánchez del Peso desenvolve unha folga de fame na prisión da Lama (Pontevedra). O recluso denuncia "as habituais vulneracións de dereitos fundamentais" aos que, di, son sometidos os reclusos nas cadeas do Estado español e, máis concretamente, aqueles que se atopan en módulos de illamento. 

Nos perto de 2 meses desde que iniciou o seu protesto, Sánchez del Peso perdeu por volta de 20 kg. pasando de 73 a 53kg. Porén, o seu avogado denuncia que até o momento "non foi trasladado á enfermaría nen ao hospital", segundo informan desde o colectivo Campaña Cárcere = Tortura, do que é integrante Emilio Sánchez. 

Malia perder 20kg. en perto de 2 meses, institucións penitenciarias non trasladou o recluso nen á enfermaría nen ao hospital

Unha década en FIES 1

“Debemos contextualizar o protesto após o falecemento repentino do preso Eugenio García Serrano, 'Gaviotu', neste mesmo módulo de illamento da Lama", explica o avogado de Sánchez del Peso. Ao igual que o recluso en xexún, García permanecía en FIES 1 --o grao máis restritivo. Sánchez del Peso mantén desde hai unha década esta condición coñecida como 'Control Directo' e que institucións penitenciarias fixa para internos considerados especialmente conflitivos e perigosos. 

Emilio Sánchez atópase en prisión, explica o seu letrado, por pequenas condenas e atópase no último tramo da pena, "o máis laxo de todos", acrecenta. No entanto, salienta, "é habitual que os presos que desenvolven lexítimos actos de protesta na cadea sexan castigados con sancións administrativas que carrexan a imposibilidade de progresaren de grado ou mesmo o aumento da condena". 

Sánchez del Peso denuncia "torturas" e "maos tratos" nos módulos de illamento e reclama investigacións para as mortes dos reclusos

Sánchez del Peso visa difundir co seu xexún as reivindicacións da Campaña Cárcere = Tortura, que abrangue 60 presas e presos e que apoian decenas de activistas a prol dos dereitos humanos de todo o estado, entre os que se atopan avogados, educadores e traballadores sociais, xornalistas e estudantes, entre outr@s. 

Evidenciar as "torturas" e "mortes" nas cadeas

Entre as súas denuncias atópase evidenciar  "as torturas e malos tratos habituais" no sistema penitenciario español, principalmente nos módulos de illamento, a "conivencia do servizo sanitario" e a "ineficacia das denuncias" presentadas polos reclusos que son, aliás, punidos con "sancións encubertas", afirman desde Cárcere = Tortura. 

Así mesmo, o avogado de Emilio Sánchez asegura que a campaña ten por obxecto deitar luz sobre o "elevado número de mortes na cadea". Algo que, lembra, "é responsabilidade última da administración".