Carpetazo definitivo do xulgado de Tui á causa polo homicidio de Déborah Fernández, fechada sen xuízo

Concentración en Vigo decorrida o 28 de decembro de 2021 para pedir "xustiza para Déborah" (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

O corpo de Déborah Fernández apareceu nunha gabia do Rosal (O Baixo Miño), rodeado de pistas falsas, en maio de 2002. Máis de 22 anos despois, o xulgado de Tui fai constar a firmeza do auto no que acordou o arquivo da causa, sen que tivese lugar xuízo e co seu ex mozo como único imputado, após unha investigación policial cualificada como “chapuza” pola familia da moza.

O xulgado de instrución número 2 de Tui (O Baixo Miño) emitiu unha dilixencia na que se fai constar a firmeza do auto do pasado mes de xullo, polo que se acordou o arquivo da causa pola morte da moza viguesa Déborah Fernández-Cervera, cuxo corpo apareceu nunha gabia do Rosal, rodeado de pistas falsas, en maio de 2002.

Con esta resolución, que certifica un arquivo que xa era firme —ningunha das partes o recorreu—, ponse punto e final definitivo a este proceso de máis de 22 anos, un procedemento xudicial que pasou por diversas vicisitudes, que estivo arquivado durante 9 anos, e que se reabriu en novembro de 2019.

Só nesa segunda fase da investigación xudicial chegouse a citar unha persoa como imputado pola súa posíbel vinculación coa desaparición e morte da moza: o seu ex mozo, que declarou por primeira vez en calidade de investigado en marzo de 2022, case 20 despois de que aparecese o corpo sen vida de Déborah.

Con todo, nin a súa declaración, nin os testemuños de testemuñas, nin as dilixencias practicadas (incluída a exhumación do cadáver da moza para tomar mostras), lograron concluír indicios claros da participación do ex mozo no crime.

Así, o pasado xuño, sen que os feitos chegasen a xuízo, a maxistrada de instrución decretaba o arquivo, ao non haber probas suficientes contra o único investigado. Segundo expuña, o acervo probatorio solicitado "non é suficiente para facer unha imputación verosímil dun feito delituoso concreto".

A familia de Déborah Fernández-Cervera mantivo sempre que a investigación policial deste crime foi "unha chapuza", polo menos nos seus primeiros pasos, os decisivos neste tipo de casos, e tamén foron moi críticos coa actuación da Fiscalía e do xulgado.

Entre as irregularidades que denunciaron, está o borrado de números da listaxe de chamadas telefónicas da moza, a manipulación do disco duro do seu computador, a demora de anos en inspeccionar o coche do seu ex mozo, ou a “desaparición” do teléfono móbil de Déborah durante case 20 anos —foi localizado casualmente en 2022, en dependencias policiais de Madrid con motivo dunhas obras, aínda que sen tarxeta SIM—.